Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba varias propostas de persoal e os festivos locais do ano 2027

  • Ademais tamén unha modificación orzamentaria para o convenio do vial provincial de Meiro

A corporación municipal de Bueu celebrou este xoves, 6 de agosto, un pleno extraordinario no que se abordou a desestimación íntegra dos recursos de reposición interpostos contra a segunda modificación da RPT, a aprobación inicial do regulamento do complemento de produtividade, gratificacións e horas extraordinarias, a determinación dos festivos locais do ano 2027 e unha modificación orzamentaria para o convenio do vial provincial de Meiro.

A sesión arrancou ás 8.30 horas co debate sobre a desestimación dos recursos da Relación de Postos de Traballo, que foran interpostos por Susana Miragaya e o sindicato CSIF e que pedían deixar sen efecto o documento integramente ou nalgunhas partes debido a varias cuestións, entre elas a falta de negociación. Segundo explicou Silvia Carballo, concelleira de persoal, “isto é incerto, pois houbo varias negociacións nas mesas co persoal e ademais a RPT xa foi parcialmente executada, polo que non procede deixala sen efecto”. Elena Estévez, voceira do PP, avanzou o voto en contra xa que “non ten sentido que os propios traballadores teñan que estar traendo alegacións ou recursos de reposición para facer valer continuamente os seus dereitos”. A proposta aprobouse cos votos a favor dos grupos de BNG, PSOE e edil non adscrito, mentres que o PP se manifestou en contra.

A continuación volveu intervir Silvia Carballo para iniciar o debate arredor do regulamento de produtividade do persoal que, segundo ela, “é unha nova ferramenta para dotar de transparencia e seguridade xurídica aos traballadores/as municipais, cunha coherencia ao longo do tempo e co que se vén dar solución a determinados problemas”. Estévez louvou ao goberno por este traballo pero “queremos alertar de que estamos deixando algunhas cuestións e criterios por afinar, e que darán lugar a informes negativos do interventor”. Pola súa banda, Daniel Chapela fixo fincapé en que “é moi positivo que se regule algo que non estaba regulado e que dea normalidade”.  A proposta aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e edil non adscrito e a abstención do PP.

Os dous últimos temas, que se aprobaron por unanimidade, foron a determinación dos festivos locais do ano 2027, que volven ser o 16 de xullo (día do Carme) e o 11 de novembro (día de San Martiño), e a modificación orzamentaria para o convenio coa Deputación Provincial para o vial de Meiro. Sobre este asunto, xa existía un acordo plenario no que se aprobaba que o Concello achegaría un total de 204.456,99 euros e, debido á revisión do proxecto, cómpre engadir agora 49.229,71 euros, sendo o global a entregar 253.686,70 euros, e que se asumirán con cargo ao Patrimonio Municipal do Solo.

Xa por último, o pleno tomou razón da renuncia ao cargo de concelleiro do PP de Manuel Santos Pires e a aceptación anticipada de Manuel Freire Pastoriza no seu lugar. A previsión é que se mande a documentación á Xunta Electoral de Zona para a continuación tomar posesión do cargo.