O pleno de Bueu aproba unha moción para aceptar a cesión gratuíta dos terreos nos camiños da Sobreira e de A Torre, en Beluso
- Na sesión abordouse outra moción do BNG e PSOE para o rexeitamento da subida do canon de Sogama e por un novo modelo de xestión de residuos
- Tamén se aprobaron os festivos locais para o ano 2025, que serán o 16 de xullo, Día do Carme, e o 11 de novembro, San Martiño
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria correspondente ao mes de setembro, que se iniciou coa aprobación dunha moción por urxencia na que todos os grupos políticos (BNG, PSOE e PP) aprobaron unha moción conxunta por urxencia para aceptar a cesión gratuíta dos terreos nos camiños da Sobreira e A Torre, ambos no lugar de A Roza, na parroquia de Beluso. Esta proposta foi unha iniciativa veciñal para que o Consistorio arranxe estes camiños de titularidade municipal e así se posibilite o acceso dunha ambulancia asistencial ás vivendas do lugar.
Antes de dar comezo á sesión, José Antonio Torres Chapela, en representación dos veciños e veciñas de A Roza interveu para solicitar que “queremos que se marquen prazos para acometer as cesións dos terreos e ambas actuacións, que o Concello actúe con celeridade, pois xa levamos moito tempo agardando”. Torres xustificou que “a ampliación destes camiños é necesaria para que poida entrar unha ambulancia, pois nos últimos meses un veciño da zona enfermo tivo que ser empuxado ao longo do camiño ata, polo menos, en sete ocasións, unha situación moi humillante”.
Félix Juncal, alcalde da vila, explicou que “xa dende abril temos un proxecto para o lugar de A Torre, que está pendente das autorizacións de Patrimonio, e ao longo dos próximos días agardamos protocolizar as cesións para poder actuar no da Sobreira”. O rexedor aproveitou tamén para desculparse ante a veciñanza pola demora e agarda que “nos próximos meses teñamos os permisos e poidamos acometer ambos traballos”.
O seguinte tema que se abordou na sesión, e que contou coa unanimidade de todos os grupos, foi a aprobación dos festivos locais para o ano 2025. Como xa vén sendo habitual, serán o 16 de xullo, coincidindo coa festividade do Carme, e o 11 de novembro, San Martiño.
Xa por último debateuse a moción presentada polos grupos de goberno, BNG e PSOE, para o rexeitamento da subida do canon de Sogama e por un novo modelo de xestión de residuos. Isabel Quintás, voceira do PSOE e concelleira da área de xestión de residuos, foi a encargada de dar lectura ao texto da moción, no que se acordou o rexeitamento aos taxazos de SOGAMA (o aprobado en xullo e o anunciado para 2025) que a Xunta de Galiza pretende aprobar. Nela ínstase, ademais, a un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao custoso e antiecolóxico sistema SOGAMA baseado na incineración. E tamén se solicita a creación dunha comisión de traballo entre SOGAMA, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP, para determinar as condicións do Canon para o ano 2025, o incremento das liñas de axudas destinadas a Concellos e Mancomunidades como a do Morrazo que implementen políticas de tratamento de biorresiduos, e que a Xunta aposte pola ampliación da planta mancomunada de A Portela mediante un convenio que permita que se traten nela todos os biorresiduos en proximidade.
Isabel Quintás salientou que “os concellos non podemos asumir esta suba de máis do 60% do canon, xa que non debemos pagar nin nós nin as persoas contribuíntes o que é unha mala xestión de Sogama”, e máis cando “na nosa Mancomunidade estamos a traballar na potenciación de propostas sostibles que terían que levarnos a unha bonificación”. Na mesma liña interveu Xosé Leal, voceiro do BNG e edil de facenda, quen ofreceu unha cifra para entender o que suporía esta suba. Así “no 2023, por exemplo, o Concello de Bueu pagou 350.000 € de canon a Sogama polo tratamento do lixo, e coa suba pasariamos a aboar máis de 570.000 €, un importe que teriamos que sacar dos recibos da veciñanza”. Leal defendeu as políticas de residuos na Mancomunidade nos últimos anos, “nas que se deron pasos para reducir o que se manda a Sogama e apostar polo tratamento dos biorresiduos, e agora as bonificacións aos concellos que o fixemos ben quítannolas para tapar os buratos de Sogama”.
Pola súa banda, Elena Estévez, voceira dos populares, botoulle en cara ao goberno que “facedes unha descrición catastrófica, cando o modelo de adhesión a Sogama e voluntario, e quizais o que deberiades facer é ser valentes e saír del”. Estévez anunciou a abstención do seu grupo e explicou que “esta semana está prevista unha reunión da Fegamp coa Xunta e Sogama para negociar este tema, polo que debería agardarse”. Finalmente a moción saíu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP.