O pleno de Bueu aproba provisionalmente a nova ordenanza de taxas da Piscina Municipal de As Lagoas
- O acordo saíu adiante coa votos a favor dos grupos de goberno (BNG e PSOE), mentres que o PP se abstivo e o edil non adscrito se manifestou en contra
- Xosé Leal, concelleiro de facenda, subvencións e contratación pública, salientou que “esta ordenanza vai permitir poñer a pleno rendemento esta gran infraestrutura deportiva”
O Concello de Bueu vén de aprobar provisionalmente a nova ordenanza reguladora das taxas por prestación de servizos da Piscina Municipal das Lagoas, que saíu adiante no pleno extraordinario da corporación celebrado este martes cos votos favorables de BNG e PSOE, a abstención do PP e en contra do edil non adscrito.
Xosé Leal, concelleiro de facenda, subvencións e contratación pública, foi o encargado de defender a proposta que “vai permitir poñer a pleno rendemento esta gran infraestrutura deportiva”. Este trámite vai paralelo ao de adxudicación do contrato de xestión de servizos da piscina á empresa Viraxes, polo que prevese que a mediados de xuño se amplíen todos os servizos, que supoñerán a actividade total completa no vaso con nado libre, actividades dirixidas e cursos. Así mesmo, tamén se habilitará unha sala de musculación co gran variedade de máquinas de rendemento alto, que dará resposta á demanda da cidadanía do ximnasio.
O edil defendeu que coa aprobación desta ordenanza aplicarase un sistema tarifario en base a un estudo económico e financeiro, e con prezos axeitados e adecuados á media da comarca, o que permitirá acceder con diversos descontos e abonos.
Así, os abonos establecidos na ordenanza son: abono mensual, por 26,95 €; abono familiar, por 40,95 €; abono xove (-21 anos), abono terceira idade e abono mobilidade reducida, os tres de 20,95 €. En canto á modalidade de cursos, establécense diversas modalidades para persoas aboadas e non aboadas. Concretamente terán para bebés, por 14,90 € para aboados e 29,79 € para non aboados; premamá, por 24,90 € para aboados, e 49,80 € para non aboados; iniciación e perfeccionamento, por 20,95 € para aboados e 41,89 € para non aboados; e intensivo verán, por 29,90 € para aboados e 58,01 para non aboados.
A entrada xeral por día será de 5,95 € e a reducida, de 3,95 €. Os descontos para a reducida serán aplicables menores de 18 anos, persoas xubiladas e/ou pensionistas, con mobilidade reducida, ou desempregadas.
Tamén haberá cursos escolares que se organizarían previo acordo coa escola, colexio, entidade educativa ou anpa e cun importe de 15,15 € mensuais. Así mesmo establécense diversas contías para alugueres, sendo o dunha rúa da piscina, de 21,50 € por hora; e a de salas, de 30,00 € por hora.
No debate plenario tanto Daniel Chapela, edil non adscrito, como Elena Estévez, voceira do PP, manifestaron as dúbidas que tiñan con respecto á viabilidade económica desta infraestrutura e alertaron dos riscos indicados polos servizos técnicos municipais. Aínda así, finalmente a proposta saíu adiante e a ordenanza estará exposta ao público durante trinta días hábiles, despois dos cales se aprobará de xeito definitivo no caso de non existir alegacións.

Percorrido da Piscina de As Lagoas
O Concello de Bueu abriu ao público a piscina municipal en abril do 2021 de balde , cun horario reducido e prestando tan só os servizos de natación no vaso nun e tamén se veñen realizando as clases de ximnasia municipais dentro das súas instalacións.
Esta gran infraestrutura, cuxa obra foi acometida polo Concello de Bueu co financiamento da Deputación de Pontevedra, fomenta a saúde e a vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), conta con diversas salas polivalentes para a práctica doutros deportes.
Despois de cinco anos, o Concello licitou o servizo de xestión da piscina, que suporá a mellora e a posta a punto de todos os servizos, salas e actividades, e que foi adxudicada á empresa Viraxes. O novo funcionamento entrará en vigor a mediados de xuño, unha vez que a empresa poña a punto todas as salas de máquinas.