O pleno de Bueu aproba os festivos locais para o 2024, que serán o 16 de xullo e o 11 de novembro
A corporación local de Bueu aprobou na sesión plenaria deste luns os festivos locais para o ano 2024 que, como xa é habitual, serán o 16 de xullo, coincidindo coa festa do Carme, e o 11 de novembro, San Martiño. Este asunto aprobouse por unanimidade dos tres grupos da corporación (BNG. PSOE, e PP), nunha sesión que supuxo a volta á normalidade despois dun mes de agosto sen actividade.
Outro dos temas que se abordaron neste pleno foi o da declaración de caducidade e incoación dun novo expediente de investigación respecto do espazo fronte á vivenda que se solicitou rehabilitar sita no lugar de Sar num. 51 de Bueu, que linda co camiño IVBE-138. Segundo explicou Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “dado que o expediente estivo parado por diversas circunstancias, o que procede agora é caducalo e inicialo novamente a petición do interesado”. O alcalde, Félix Juncal, remarcou que o expediente iniciárase no 2016 cando ao solicitar rehabilitar unha vivenda ao propietario lle xurdiron dúbidas sobre a natureza dese espazo colindante, polo que se terá que dilucidar se é público ou privado e, se procede, incluílo no inventario de camiños da parroquia de Beluso. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, anunciou a abstención do seu grupo esgrimindo que “o goberno local só da escusas, porque se houbera intención de tráelo ao pleno traeríase antes”. Finalmente, o asunto aprobouse cos votos a favor dos grupos do goberno (BNG e PSOE), coa abstención do PP.
Tamén formou parte deste pleno a petición de comparecencia do concelleiro delegado de facenda, subvencións e contratación pública formulada polo concelleiro Daniel Durán Chapela do grupo municipal do PP. O edil popular solicitou aclaracións sobre o programa Ghallufadas 2023, e concretamente quere que se detalle se se cumpriron os obxectivos de normalización lingüística e da subvención concedida pola Deputación, e cales foron os gastos e os conceptos concretos. A petición aprobouse por unanimidade da corporación, polo que no próximo pleno, é dicir o luns 2 de outubro, o concelleiro Xosé Leal comparecerá para dar as explicacións demandadas.
Por último, na sesión tamén se deu conta de varios asuntos relacionados coa actividade municipal. Tal é o caso do informe de execución do orzamento do Concello de Bueu correspondente ao 2º trimestre de 2023, as liñas fundamentais do orzamento para o 2024, o recurso contencioso administrativo interposto pola comunidade de propietarios Residencial Massó Bloque 5 contra o acordo de aprobación definitiva da ordenanza da instalación de terrazas, e nomeamento de novo director de execución da obra “Reforma e ampliación da biblioteca municipal Torrente Ballester” por mor da situación de incapacidade laboral temporal do arquitecto técnico do concello.
A próxima sesión plenaria da corporación celebrarase o 2 de outubro, ás 20.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello e, como é xa habitual, tamén se poderá seguir en directo dende a canle de Youtube municipal.