Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu reanuda o luns o Servizo de Atención Temperá

  • Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou hoxe as novas dependencias que se sitúan na rúa Montero Ríos, e xa se avisou ás corenta familias usuarias
  • O servizo ten como obxectivo promover a igualdade, a saúde e a inclusión social da poboación infantil, de entre 0 e 6 anos, que presente algún trastorno de desenvolvemento ou que estea en risco de padecelo

Bueu dispón dun Servizo de Atención Temperá (SAT), co que se promove a igualdade, a saúde e a inclusión social da poboación infantil, de entre 0 e 6 anos, que presente algún trastorno de desenvolvemento ou que estea en risco de padecelo. Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou este venres as instalacións do servizo que se reanudará o luns.

As novas dependencias están situadas na rúa Montero Ríos 99, concretamente no local 11-12, logo de que o servizo fose licitado e adxudicado á firma Centro de Orientación de Estudios Comerciales SLU, cun importe que supera os 250.000 euros, e para o que se conta co financiamento da Xunta de Galicia no marco da Rede Galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada pola Unión Europea, e da Deputación de Pontevedra no marco da liña 2 do Plan Concellos 2023, concretamente na parte dos gastos correntes derivados

O SAT púxose en marcha no Concello de Bueu en setembro do pasado ano a través dun contrato menor, e posteriormente levouse a cabo un proceso de licitación debido ao importe do mesmo. Despois da interrupción dun par de meses, o servizo reanúdase o luns coas corenta familias usuarias, que xa foron avisadas ao longo desta semana.

Este servizo conta cun protocolo específico no proceso de detección e derivación de situacións susceptibles de necesitar atención temperá. Nese proceso é vital a figura das e dos profesionais da pediatría de atención primaria de saúde, de xeito que son estes ou estas profesionais os que farán a valoración inicial do desenvolvemento do neno ou nena e, a partir do seu diagnóstico, determinan a idoneidade da unidade de atención temperá para facer a atención especializada, segundo as necesidades observadas. Este tipo de servizo demanda a colaboración de profesionais especializados en diferentes campos para detectar as causas que interfiren no desenvolvemento do neno ou nena e actuar para o seu progreso. Para iso cóntase con persoal variado, como un logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil.

As persoas que necesiten informarse sobre o servizo poderán contactar no teléfono 628867812 ou no enderezo electrónico sat.bueu@coescoformacion.com. Ademais, o horario de atención ao público será o luns ás de 9.30 a 18.30 h; martes, mércores e xoves, de 8.00 a 18.30 h; e o venres, de 8.00 a 14.30 h.