Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba o novo contrato de ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester

A corporación local de Bueu celebrou este martes, 2 de maio, a sesión plenaria ordinaria, que é a última antes das Eleccións Locais. O pleno tan só contiña dous asuntos na parte resolutiva, que se aprobaron cos votos a favor dos grupos do goberno (BNG e ACB), e as abstencións do PP e PSOE. A primeira era a aprobación definitiva do estudo de detalle das parcelas afectadas no polígono 52 do núcleo rural de Fonte Alta, na parroquia de Cela. Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, interveu para explicar que se “trata dun asunto de trámite, que necesita aprobación do pleno e que permitirá colocar as aliñacións do camiño de forma correcta”. Dende as bancadas do PP, a edil María Blanco avanzou a abstención do seu grupo porque “chamounos á atención que cada vez que teñamos que facer arranxos no PXOM o traiamos ao pleno de forma única, e non en conxunto dado que se detectan continuamente máis erros neste documento”.

O segundo asunto, e o máis importante, foi a proposta de adxudicación do contrato administrativo da obra de reforma e ampliación da biblioteca municipal Torrente Ballester e o nomeamento de dirección facultativa. A obra, que se licitou por segunda vez, ascende a máis de 1.100.000 euros, e a idea é que os traballos, que foron adxudicados a Construcciones Castro Figueiro, comecen o máis rápido posible. Esta actuación pretende adaptar a biblioteca ao século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética. A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.