Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba definitivamente o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais

  • Na sesión tamén se debateron diversas mocións como as de instar á Xunta de Galicia a asumir o financiamento do Pavillón de Beluso ou da rúa Pazos Fontenla, ademais do apoio á concentración da sanidade pública ou o fomento da igualdade
  • A corporación gardou un minuto de silenzo por Beatriz Lijó Gesteira, a muller asasinada este luns en Baiona vítima de violencia machista

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 6 de febreiro, a sesión plenaria ordinaria que se estendeu preto de tres horas ao constar a orde do día de varias mocións e propostas de gran debate. Antes de iniciala, os concelleiros e concelleiras gardaron un minuto de silenzo por Beatriz Lijó Gesteira, a muller asinada en Baiona vítima de violencia machista.

O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais (PAM) aprobouse de forma definitiva cos votos a favor de toda a corporación e, segundo defendeu o concelleiro de medio ambiente Xosé Leal, “trátase dun traballo complexo e longo, que nos durou un mandato enteiro, e que agora facilitará o traballo do persoal técnico municipal para xestionar as faixas forestais e as notificacións á veciñanza, e tras o que poderemos estudar a adhesión a un convenio con Medio Rural”. Coa axuda deste documento, o Concello poderá notificar e ordenar ás persoas propietarias dos terreos forestais próximos aos núcleos de poboación para que os manteñan en condicións de limpeza, co fin de evitar o risco de incendios tal e como se establece na Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia. Así mesmo, tamén será un instrumento válido para que se poida ordenar e executar de forma subsidiaria a xestión de biomasa e a retirada de especies arbóreas nesas contornas, ademais de guiar os traballos a levar a cabo nos terreos de titularidade municipal.

A continuación, os grupos de goberno de BNG e ACB presentaron unha moción para instar á Xunta de Galicia á sinatura dun convenio de colaboración para a reforma integral do Pavillón Municipal de Beluso, un proxecto que está valorado en máis de 1,5 millóns de euros. Segundo explicou Xosé Leal, voceiro do BNG, “o que necesitamos é que a Xunta de Galicia non dilate máis o que precisa o deporte en Bueu, e non queremos migallas, senón investimentos de calado coma no resto de concellos”. Esta idea tamén foi apuntada por Julio Villanueva, vicealcalde e voceiro de ACB, quen salientou que “a Xunta de Galicia pouco ou nada colaborou con Bueu dende o 2003, e debe cumprir coa súa promesa”. Elena Estévez, dende as filas do PP, anunciou a abstención do grupo popular aludindo ás contradicións da propia moción ante o que consideran tamén unha deslealdade institucional e contra os grupos da oposición, que non teñen coñecemento dos proxectos ata ben avanzada a tramitación. Pola súa banda, José Vilas, voceiro do PSOE, apuntou que “non me parecen formas de tramitar un proxecto do que nós non temos máis coñecemento ata este pleno”. A proposta contou, entón, cos votos a favor de BNG e ACB, en contra do PSOE e a abstención do PP.

Cunha votación idéntica (a favor de BNG e ACB, en contra do PSOE e a abstención do PP) debateuse unha moción para instar á Xunta de Galicia a asumir o financiamento do proxecto de renovación integral dos servizos de abastecemento e saneamento na rúa Pazos Fontenla. Segundo constaba na proposta, presentada polos grupos de goberno de BNG e ACB, o obxectivo que se persegue é que a Xunta de Galicia financie unha actuación de gran necesidade e urxencia na rúa Pazos Fontenla, na que é preciso mellorar a rede separativa e incrementar as capacidades dos colectores de augas, ademais de renovar todas as beirarrúas e a capa de rodadura na que é a principal arteria do casco urbano. Segundo Félix Juncal, alcalde da vila, “levamos máis de dous anos traballando neste proxecto, e dado que non temos unha resposta oficial por parte da Xunta é o noso deber seguir reclamando o que nos pertence” pois “Augas de Galicia recadou dende o 2008 ata agora preto de dous millóns de euros dos veciños e veciñas de Bueu, e eses cartos deberían repercutir na mellora das infraestruturas hídricas, tal e como se estipula na propia lei”.

A continuación, debateuse a moción do PP contra a violencia machista e para o fomento da igualdade, na que o grupo da oposición solicitaba instar ao Goberno do Estado, á Xunta de Galicia, á Deputación de Pontevedra e ao Concello de Bueu a  re avaliar as medidas de igualdade e en contra da violencia de xénero. Neste sentido, Ana Isabel Otero, edil de igualdade, destacou o traballo feito dende o Centro de Información ás Mulleres (CIM) que incide no día a día e dende as idades máis cativas, e que se visibiliza nos plans de igualdade e tamén no I Plan de Igualdade Intercentros, do que o goberno bueués é pioneiro. A proposta contou cos votos favorables de BNG, ACB, PP, mentres que ACB se manifestou en contra.

E xa por último debateuse a moción de BNG e ACB para o apoio ao manifesto da sanidade elaborado en Pontevedra polas alcaldías e grupos municipais da área sanitaria Pontevedra – Salnés e para a mobilización xunto a SOS Sanidade Pública. Xosé Leal, en representación do BNG, apuntou que “é importante a mobilización social, pois a sanidade pública debería unirnos a todos e a todas, ten que haber unha resposta unánime da cidadanía”. Por este motivo, o Concello apoiará a manifestación do domingo en Compostela, polo que pon a disposición da cidadanía interesada autobuses para asistir de balde, para o que se poderá realizar previamente a inscrición no 2º andar do Concello ou no teléfono 673256450. A proposta contou cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE, mentres que o PP se abstivo.