Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu acorda iniciar o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

  • A proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo do goberno este venres, e o servizo terá un custe de 612.274,46 €, sen IVE, por cada anualidade

O pleno extraordinario da corporación municipal de Bueu acordou este venres incoar o expediente de contratación do Servizo de Atención no Fogar (SAF), cuxo orzamento ascende a 612.274,46 €, sen IVE, por cada anualidade. O contrato que se propón sería de dous anos prorrogables anualmente a outros dous. Segundo salientou Félix Juncal, alcalde de Bueu, “trátase de iniciar un contrato dun servizo que nos últimos meses se atopa en condicións precarias, ao terse producido un incremento do número de persoas usuarias e de horas, e debido aos cambios no marco lexislativo”.

Cos votos a favor do grupo de goberno do BNG e as abstencións da oposición, a proposta de inicio deste expediente saíu adiante, e queda por diante realizar toda a tramitación necesaria para que cara ao último terzo do ano se poida contar cun contrato para o servizo.

Incremento de usuarios e horas

Nos últimos anos, o Servizo de Atención no Fogar (SAF) foi incrementando tanto o número de usuarios e usuarias que precisan unha atención na súa vida diaria, como o número de horas. Así, no ano 2016 eran 48 as persoas atendidas, no 2017, 62, no 2018, 60 e neste ano, 69. En canto ao número de horas, pasouse das 15.750,54 do ano 2016 ás 36.282,64 actuais.

Este contrato ten unha dobre vertente: a prestación básica do sistema de servizos sociais en réxime de libre concorrencia e a prestación a persoas en situación de dependencia valorada que conten coa asignación deste servizo na correspondente resolución do programa individual de atención. Na adxudicación do contrato teranse en conta tanto criterios cuantitativos como cualitativos.