O pleno da corporación aproba por unanimidade unha moción polo Día Contra as Violencias Machistas e outra para o arranxo do cruceiro da Rosa
- Ademais tamén se debateu unha moción presentada polo PP sobre a biblioteca de Beluso, e aprobouse a conta xeral do exercicio 2022
- pleno celebrouse ás 20 horas no salón de sesións da Casa Consistorial e tamén se emitiu en directo dende a canle de YouTube municipal
O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu este luns, 6 de novembro, unha sesión plenaria na que se abordaron varias mocións, dúas das cales saíron adiante por unanimidade dos tres grupos municipais, concretamente a que facía referencia ao Día Internacional Contra as Violencias Machistas, presentada polo goberno do BNG e PSOE, e a outra relativa ao arranxo do cruceiro da Rosa, que foi iniciativa do PP. Ademais destas dúas, o PP propuxo o debate dunha que sobre a necesidade de habilitar un espazo na biblioteca de Beluso para o estudo, a cal non se aprobou ao contar cos votos en contra do goberno bueués.
O pleno comezou precisamente co debate da moción do PP na que se instaba ao goberno local a empregar a biblioteca de Beluso como espazo de estudo, ben cunha ampliación de xornada e cun sistema de uso fóra do horario, ben cun acceso electrónico. Segundo explicou o concelleiro popular Daniel Chapela, “entendemos que é necesaria unha solución deste tipo, e cun sistema que pode perdurar máis alá do remate das obras da Biblioteca Torrente Ballester”. Xosé Leal, voceiro do BNG, explicou que dende o Concello de Bueu xa se vén prestando este servizo en diversos lugares, como a Casa Consistorial, Cela e mesmo Beluso nalgún momento, polo que “temos instauradas diversas fórmulas para posibilitar o estudo nas bibliotecas, e con gran éxito polas persoas usuarias”, e así anunciou o voto en contra do grupo nacionalista, ao que tamén se sumaron os socialistas.
A continuación foi a quenda da moción, presentada tamén polo PP, na que se instaba ao goberno local e á Deputación Provincial a, nos seus respectivos ámbitos competenciais, impulsar os trámites necesarios para o arranxo do cruceiro da Rosa. Elena Estévez, voceira popular, explicou na súa intervención que “despois de tanto tempo é necesario que se busque unha solución xa, e o Concello debería esixir que se arranxe ou preocuparse de ver o que está acontecendo con este expediente”. En resposta, Leal solicitou que se emendase a moción, e se esixise instar á Dirección Xeral de Patrimonio, organismo competente, para que impulse os trámites para a súa reparación, toda vez que dende o Concello xa se lle remitiron diversos escritos solicitando o arranxo. Despois dun longo debate, no que tamén se aludiu á Deputación de Pontevedra como a titular do vial na que se atopa o cruceiro, a moción emendouse e foi aprobada por unanimidade.
E consenso houbo tamén na moción con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, que foi presentada polo BNG e o PSOE, e na que, entre outras cuestións, se aproba recoñecer a gravidade das violencias machistas como un problema político e social de primeira orde, de saúde pública e como un grave atentado aos Dereitos Humanos; o compromiso de seguir traballando na ruptura do silencio, a sensibilización, e a concienciación da cidadanía do problema estrutural da sociedade que supón a violencia machista; ou o impulso do debate social para que o público deixe de ser privado. Así mesmo, a moción reclama máis apoio orzamentario por parte da Xunta de Galicia para a erradicación da violencia machista, a violencia sexual e tamén o incremento dos fondos de atención ás vítimas. O PP solicitou que tamén se incluíse no texto da moción instar ao Ministerio de Igualdade e á Deputación de Pontevedra, para que incrementen os esforzos na loita contra a violencia de xénero, e así a moción aprobouse por unanimidade.
O último dos asuntos foi a aprobación da conta xeral correspondente ao exercicio 2022, que saíu adiante cos votos a favor de BNG e PSOE, mentres que o PP se manifestou en contra.
O pleno pode verse completo na canle de YouTube municipal do Concello de Bueu.