Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O mercado mariñeiro celebrarase este domingo no aparcadoiro de As Lagoas cunha vintena de postos

  • As persoas que visiten o evento terán a posibilidade de facelo entre as 11 e as 20 horas, e de participar nas actividades paralelas organizadas
  • O mercado busca potenciar a historia e a cultura mariñeira, e ofrecer alternativas de lecer para compartir en familia

O aparcadoiro de As Lagoas, no casco urbano de Bueu, acollerá este domingo, 5 de novembro, un Mercado Mariñeiro, no que unha vintena de establecementos comerciais ofrecerán produtos de temática mariñeira, e tamén de gastronomía. As persoas que queiran visitar este evento poderán facelo entre as 11 e as 20 horas, horario para a venda e tamén de exposición de pezas vinculadas ao mar, como tallas de barcos, libros ou utensilios de pesca.

O obxectivo deste mercado é potenciar a historia, a cultura e a gastronomía mariñeira, e para dinamizar o comercio da vila. Por iso, de forma paralela á venda, tamén se programarán diversas actividades paralelas para todas as idades, e coa idea de ofrecer unha alternativa de lecer para compartir o día en familia. Así, ás 12.30 horas, Sara Abad Fariña, do Laboratorio ASMECRUZ impartirá unha charla titulada “Mexilloeiros por tradición”. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, o grupo Polo Correo do Vento sorprenderá co contacontos “A nécora Tarsila”, dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa. E xa ás 18.30 horas, Martín del Mar de EspíritudeGnomo falará sobre o polbo das Rías Baixas. Durante a xornada proxectarase ademais o documental elaborado polo Concello de Bueu no que se conta a historia de Manolo Purro e o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, ademais doutro que recupera a memoria das persoas do mar.

O Concello de Bueu leva anos apostando pola dinamización do comercio e a hostalaría local, e polos hábitos saudables. De aí que este mercado entronque coas feiras ecolóxicas e artesanais que se organizan dende hai máis dunha década e que contan con gran acollida entre a poboación. Ademais delas, hai anos puxéronse en marcha unha serie de mercados temáticos polos que tamén se interesaron tanto os locais como a cidadanía en xeral.