Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno aproba o expediente de contratación da piscina municipal de Bueu

Pleno de aprobación de expediente contratación piscina municipal

  • O anuncio de licitación atópase publicado na Plataforma de Contratación do Estado e o prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais
  • Esta infraestrutura suporá unha mellora importante en canto a saúde e deporte

O pleno da corporación municipal de Bueu deu luz verde este venres á aprobación do expediente de contratación da piscina municipal cuberta cos votos a favor do grupo do goberno do BNG, coa ausencia na votación dos representantes de PSOE e PP e a abstención de ACB-SON.

A partir de hoxe as empresas interesadas disporán dun prazo de 26 días naturais, é dicir ata o 18 de xullo, para a presentación das ofertas económicas de cara á construción desta infraestrutura que conta co “apoio maioritario da poboación bueuesa”, tal e como declarou o alcalde Félix Juncal durante o plenario. Na Plataforma de Contratación do Estado, con acceso dende a propia páxina web municipal (www.concellodebueu.gal) xa se atopa todo o procedemento de licitación no cal se establece unha novidade: a presentación de ofertas por vía electrónica, a través de dous arquivos ou sobres electrónicos. O primeiro deles deberá conter a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos previos e o segundo, os documentos relativos aos criterios valorables en cifras ou porcentaxes.

Juncal lembrou que este “soño colectivo” poderá ser pronto unha realidade despois de que a Deputación de Pontevedra confirmase o seu apoio económico, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só achegaría menos de 50.000 euros, dun proxecto que está orzamentado en 2.798.911,96 millóns de euros. Esta instalación vai supoñer “un gran incremento do nivel de vida da saúde e deportiva”, segundo o concelleiro de deportes, Manolo Otero, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), habilitaríanse diversas salas polivalentes nas que se fomentaría a práctica doutros deportes e relacionados coa saúde. Polo tanto, e como xa se ten destacado en diversas ocasións, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación.