Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O persoal do Plan de Emprego comeza cos traballos de mantemento de diversos espazos

A semana pasada incorporouse o persoal do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra deste ano, co que o Concello de Bueu levará a cabo diversas actuacións sobre o patrimonio, xardíns municipais, vías públicas, lavadoiros e fontes, algunhas das cales comprobaron esta mañá Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo. Así, tal e como salienta o rexedor e encargado da área de obras e servizos, xa se comezou coa instalación dos regos automáticos nos xardíns municipais que carecían del, caso dos do Paseo de María Eugenia ou do recinto multiusos da Estacada, que permitirá que o estado da herba alí sementada se conserve mellor na época estival.

Outra das obras son as de mantemento no lavadoiro e na fonte do Lago Mansiño, no lugar de Montemogos (Beluso), que inclúe unha limpeza de todo o espazo, así como unha reparación dos muros perimetrais que levaban varios anos derrubados, e encintado da fonte e do lavadoiro.

A porta da Casa Consistorial tamén se está repintando, logo de varios meses en moi mal estado. “No Concello deixamos transcorrer voluntariamente este tempo para que a sociedade se conciencie sobre os bens públicos”, recalca o rexedor, que fai fincapé na necesidade de “realizar un exercicio de pedagoxía colectiva, para que non se volva atentar contra esta porta nin contra ningún ben público nin privado”.

E a última das frontes nas que actúan estas brigadas é a estrutura colindante da Praza de Abastos, na que se realizan actividades de venda de excedentes da colleita propia. Concretamente, lixarase a madeira deteriorada polo paso do tempo, e aplicarase un tratamento conservador.

Os traballos realizados polo persoal do Plan de Emprego compleméntanse coa contratación de empresas para a prestación de servizos públicos, como é o caso do servizo de mantemento de xardíns e espazos verdes urbanos que están sendo acometidos pola empresa Acebo. Este servizo está financiado pola Deputación de Pontevedra no marco da Liña 2 do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Instalación rego automático nos Xardíns de María Eugenia
Obras mantemento estrutura da Praza de Abastos