O peirao de Bueu acolle esta fin de semana o LXXV Campionato de España de Traineriñas
- O sábado comezarán as eliminatorias ás 18 horas, e o domingo as finais a partir das 10.30 horas
- Félix Juncal, alcalde da vila, destaca que “dende o Concello apostamos sempre polo deporte de base e de alta competición, e consideramos que estes eventos proxectan o nome de Bueu”
O LXXV Campionato de España de Traineriñas celebrarase esta fin de semana no peirao de Bueu coa participación de clubs de Galicia, Asturias, País Vasco e Cantabria. Unha das maiores festas do remo vivirase con moita emoción o sábado, 28 de maio, ás 18 horas coas probas eliminatorias e o domingo, xa coas finais da sección B, ás 10.30 horas, e da A, a partir das 12 horas.
Precisamente, con motivo deste gran evento, hoxe tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello a rolda de prensa, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Manuel Juncal e Javier Pazos, ambos da directiva do Club do Mar Bueu – Teccarsa, José Manuel Seijas, presidente da Federación Galega de Remo, e Daniel Benavides, Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia.
Félix Juncal destaca que “dende o Concello apostamos sempre polo deporte de base e de alta competición, e consideramos que estes eventos proxectan o nome de Bueu”, ademais de loar o traballo levado a cabo nos últimos anos polo Club do Mar Bueu – Teccarsa. Pola súa banda, Daniel Benavides salientou que “estes eventos deportivos crean sinerxías con toda a actividade da vila, e por iso son moi importantes”.
Tal e como informou José Manuel Seijas, no campionato participarán traiñeiriñas das categorías xuvenil feminina (1ª vez que estarán nun campionato de España), absoluta feminina, xuvenil masculina e absoluta masculina. Concretamente, na xuvenil feminina competirán C.R. Valle de Camargo (Cantabria), S.D.R. Kaiku e Isuntza A.E. (País Vasco) e C.R. Náutico de Riveira e C.C.D. Cesantes (Galicia); na absoluta feminina, estarán C.R Chapela, C.R Ares, C.R. Cabo de Cruz, C.R. Rianxo, S.D. Tirán, C.R. Mecos, C.R. Puebla, C.C.D. Cesantes, todas de Galicia; na xuvenil masculina, virán A.D Castreña (Cantabria), Itsasoko Ama, Ondarroa A.E. e S.D.R Kaiku (País Vasco), C.R. Cabo de Cruz, S.D. Samertolameu, C.R. Puebla, e C.R. Chapela (Galicia); e na absoluta masculina, contarase con C.M Castropol (Asturias), C.R. Cabo de Cruz, S.D Samertolameu, Club do Mar Bueu, C.R. Ares, C.R Robaleira, C.R Rianxo e C.R Mecos (Galicia).
Manuel Juncal, presidente do Club, manifestou que “estamos encantados e moi orgullosos de organizar un campionato de España, pero tamén temos moita responsabilidade e agardamos estar á altura”.
O percorrido consta de 3500 metros e irá dende o peirao de Bueu cara a praia de Portomaior, e os premios consistirán nunha bandeira e medalla de cor ouro para o primeiro clasificado, medallas de cor prata para o segundo, e medallas de cor bronce para o terceiro.