Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno local reúnese coa hostalaría de Bueu ante o inicio da tempada estival

  • O encontro tivo lugar este mércores no salón de plenos e o alcalde salientou que “agardamos unha boa tempada dende o punto de vista da actividade económica, pero temos que conciliar as necesidades dun sector cos dereitos do conxunto da veciñanza”
  • O corte da rúa da Banda do Río prevese para o 1 de xuño, sempre que se reciba a pertinente autorización de Portos de Galicia

O salón de plenos do Concello acolleu esta semana unha reunión coa hostalaría da vila con motivo da inminente tempada estival, un encontro no que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Xosé Leal, edil de cultura, ensino, medio ambiente e mobilidade. Nel abordáronse cuestións sobre o inicio da tempada, como a utilización dos espazos públicos para a colocación de terrazas por parte da hostalaría. Neste sentido, Juncal avanzou que “agardamos unha boa tempada dende o punto de vista da actividade económica, pero tamén temos que procurar cumprir cunhas condicións mínimas que permitan conciliar as necesidades dun sector cos dereitos do conxunto da veciñanza”.  Así llo trasladou aos representantes dos locais hostaleiros, aos que tamén fixo partícipes do que supón este ano a consecución do distintivo da Bandeira Azul para a praia da Banda do Río, “que nos ten que permitir seguir apostando pola calidade a nivel turístico, pero sempre mellorando o entorno, os espazos, os servizos e as infraestruturas”.

No marco desta reunión, e a petición dos establecementos interesados, o goberno tamén informou de que a rúa da Banda do Río se cortará ao tráfico a partir do 1 de xuño, aínda que está pendente da autorización de Portos de Galicia, despois de que o Concello a solicitase a finais de abril. O plan é proceder ao peche da rúa Montero Ríos, ao seu paso polo barrio da Banda do Río, os luns a venres a partir das 20.30 horas, e as fins de semana e festivos, dende as 14.30 horas.

Así mesmo, dende o goberno local lémbrase que a taxa de terrazas continúa suprimida dende a Covid-19, unha supresión que seguirá vixente mentres non se tramite a nova ordenanza de terrazas. Precisamente, despois da aprobación do Plan Normativo, a idea é que se poida lanzar a consulta pública previa á aprobación deste novo documento, que entraría en vigor durante este ano.