O Pavillón Municipal Pablo Herbello acolle esta fin de semana o Sector Nacional de Clubs Infantil Feminino de Balonmán
- O Bueu Atlético Balonmán consegue un fito histórico nos seus 48 anos de vida, e as competicións comezan este venres ás 18.30 horas e continuarán ata o domingo pola mañá
- Dende o club faise un chamamento para que se encha o Pavillón e se anime ás integrantes do Área de Servicio Lapamán Bueu Atlético
O Pavillón Municipal Pablo Herbello acolle os días esta fin de semana, 16, 17 e 18 de maio, a primeira fase do Sector Nacional de clubs Infantil Feminino de balonmán no que está en xogo unha praza para disputar o top 8 do Sector Nacional que proclamará ao equipo campión de España da categoría. O equipo Área de Servicio Lapamán Bueu Atlético, actual campión galego da Liga Ouro, quedou encadrado no grupo A e enfrontarase no Pavillón Pablo Herbello ao SR Dominicos (Zaragoza), Balonmano Tahiche (Lanzarote) e EKA Malkaitz A (Navarra).
Con este motivo, e como antesala do evento, hoxe tivo lugar unha rolda de prensa no salón de plenos do Concello de Bueu á que asistiron as integrantes do equipo clasificado, Félix Juncal, alcalde de Bueu, Daniel Benavides, xefe do servizo de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Manuel Castro, presidente do Bueu Atlético Balonmán como Manolo Castro, e Francisco Javier Rodríguez, directivo responsable de loxística da Federación Galega de Balonmán.
Félix Juncal salientou que “o deporte representa todo o que queremos como sociedade, cuns grandes valores que non se deben distorsionar”. Ademais, desexoulles moita sorte ás rapazas e xa avanzou que dende o consistorio se lles fará un recibimento oficial polos éxitos colleitados. Daniel Benavides fixo fincapé no esforzo das deportistas, adestradores, xunta directiva e familias e fixo unha chamada a “gozar do deporte como un complemento máis, que nos axuda a construír unha sociedade xusta e equitativa”.
Pola súa banda, Manuel Castro, do Bueu Atlético, agradeceu o apoio das institucións e trasladou ás deportistas que “fixestes un gran esforzo e traballo e necesitades un último empuxón, e por iso esta fin de semana arrouparémosvos dende o pavillón”. Na mesma idea incidiu Francisco Javier Rodíguez, quen desexou que “oxalá o desta fin de semana sexa unha festa para todo o mundo, e o importante é que desfrutedes que chegastes ata aquí e que sodes dos 32 equipos mellores de España, que xa é un gran mérito”.
Por primeira vez nos 48 anos de historia do Bueu Atlético Balonmán, un equipo feminino logra a clasificación para xogar o Sector Nacional, e dende o club fan un chamamento para encher o Pavillón Municipal Pablo Herbello e animar ás cativas. A entrada será de balde e os partidos arrancarán este venres ás 18.30 horas, co EKA Malkaitz A contra o SR Dominicos; e ás 20:30h horas, co A.S. Lapamán Bueu Atlético contra o CB Tahiche. Xa o sábado, ás 18.30 horas disputarase o EKA Malkaitz A contra o CB Tahiche, e ás 20.30 horas, o A.S. Lapamán Bueu Atlético contra o SR Dominicos. Xa para rematar, o domingo comezará a xornada ás 10 horas co CB Tahiche contra o SR Dominicos, e ás 12 horas, A.S. Lapamán Bueu Atlético contra EKA Malkaitz A.

