Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A OMIC de Bueu asesora á cidadanía sobre os cambios nas tarifas eléctricas

  • Dende o 20 de abril deste ano acudiron ao servizo 220 persoas ás que se informou de forma individual sobre estes cambios
  • Ademais, a oficina tramita bonos sociais, paralizacións no corte de subministro eléctrico ou reclamacións por facturación

Este mes entraron en vigor as novas tarifas eléctricas, tanto para as persoas usuarias do mercado libre como regulado, e por este motivo o Concello de Bueu lembra á cidadanía que a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) ofrece servizos de asesoramento e de reclamacións, tal e como xa vén facendo dende antes de que a nova lei de tarificación eléctrica se aprobase.

Segundo consta no informe solicitado pola Alcaldía á técnica da OMIC, xa dende a apertura deste servizo no 2009 realizánse xestións de protección existentes para os usuarios/as fronte ás compañías eléctricas. Así, dende xuño de 2020 ofreceuse información a 428 usuarios/as sobre as comercializadoras, realizando solicitudes de baixada de potencia a 60 subministros, o que supuxo un aforro total de preto de 18.000 €; realizáronse 42 reclamacións por facturación, cun aforro de 4.083,32 €; tramitáronse 86 bonos sociais, que significou un aforro medio de 140 € por ano; asesorouse a 35 persoas sobre o Bono Social Térmico, que tras recibir a comunicación do INEGA acudiron ao servizo e aforraron 2.521,80 €; e leváronse a cabo catro restablecementos de servizo por corte e cinco solicitudes de aprazamento de débeda mediante fraccionamento de ata 24 meses. Así mesmo, dende abril deste ano acudiron ao servizo 220 persoas para recibir información sobre a nova tarifa 2.0TD, un servizo que se fai de forma individualizada dado que os novos tramos de consumo eléctrico non afectan a todos os consumidores/as por igual.

Dende o goberno local anímase á cidadanía que teña dúbidas sobre as novas tarifas que se achegue pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor, para o que deberá solicitar cita previa no teléfono 986324625 ou no correo omic@concellodebueu.gal. Así mesmo, recoméndase actuar con responsabilidade e levar a cabo accións que reduzan o consumo de enerxía.

Acceso á normativa no Boletín Oficial do Estado: https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2020-1066