O Concello pavimenta o Camiño do Rabolongo, na zona do Valado

O Concello de Bueu rematou esta semana as obras de pavimentación no coñecido como Camiño do Rabolongo, na zona do Valado. Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou esta mañá o lugar no que se substituíron arredor de 70 metros de tubaxe de abastecemento de auga.

Esta actuación de mellora do tramo de abastecemento foi acometida polo Concello coa colaboración da concesionaria do servizo de auga, FCC Aqualia, e suporá unha mellora nas acometidas das vivendas do lugar, ao solventarse os problemas de presión dos últimos tempos. Despois do remate destas obras, que se executaron en tres semanas, o Concello procedeu ao pavimentado deste camiño, polo que a veciñanza xa pode acceder ás vivendas.

Segundo avanza o alcalde, o Concello continuará co plan de mellora das vías municipais de acceso aos núcleos de poboación, e por iso se procederá a arranxar os camiños entre Norte – Meáns e Norte – Cividade, ambos na parroquia de Bueu, e o de Sobalo, en Beluso. Unha vez culminadas estas obras, o goberno continuará con outras que xa ten na axenda de traballo e que se acometerán na medida das posibilidades.