O III Trail do Nocedo celébrase o domingo cun gran éxito de participantes
- O Parque Joe Novas será o punto de saída e chegada do trail e do trailiño o próximo domingo ás 9 horas
- A organización outorgará varios recoñecementos e trofeos para estas probas nas que participarán un total de 369 persoas
A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades, organizan o próximo domingo, 10 de marzo, o III Trail do Nocedo, un proxecto que une a divulgación do patrimonio da parroquia bueuesa e o deporte máis activo. Así o destacou Marcos Torres, da organización do evento, na rolda de prensa celebrada este xoves no Pavillón Municipal de Beluso, na que estivo acompañado de Félix Juncal, alcalde de Bueu, Daniel Benavides, xefe do servizo de deportes da Xunta de Galicia, e da deputada provincial María Ramallo.
A actividade terá unha parte deportiva cun trail de 27 quilómetros e 1500 metros de desnivel, e un trailiño que consta de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. As probas tomarán saída ás 09.00 horas dende o Parque Joe Novas de Beluso, onde comezarán a correr as 117 persoas inscritas para a modalidade do trail e, posteriormente, ás 10 horas, as 252 do trailiño. Precisamente, Torres destaca “o gran auxe da proba que foi medrando ano a ano, chegando neste 2024 ás 369 persoas inscritas”. Así mesmo, o evento contará con preto dun cento de voluntarios e voluntarias, moitos da vila e outros que se achegarán dende lugares como Vigo ou A Coruña.
A organización prevé varios trofeos: no caso do trail, haberá premio para o 1º clasificado/a na absoluta, e para os tres primeiros clasificados nas modalidades de senior (ata 39 anos), veterán/a de 40 a 49 anos, veterán/a de 50 ou máis anos, así como para o 1º do trailiño e equipos. A iso haberá que sumar os recoñecementos, que se outorgarán ao 1º inscrito/a no evento, ao deportista que proveña de máis lonxe, ao participante máis veterán/á, ao equipo con máis participantes, e ao 1º clasificado/a de Bueu.
Pero non será esta a única actividade da mañá do domingo, pois os deportistas pasarán durante o percorrido por seis áreas patrimoniais e culturais da parroquia de Beluso, onde haberá recreacións nas que se poñerán en valor costumes e tradicións: a pesca artesanal, en Area de Bon, a recollida de leña no río Nocedo, a cantería, a gandería de Vilar etc. O obxectivo é unir o deporte coa posta en valor da zona.