O goberno presenta ante os clubs usuarios do Pavillón Pablo Herbello o plan integral de mellora desta instalación
A xuntanza, que se celebrou o sábado vía telemática, serviu ademais para dar conta da inminente colocación dunha cuberta sobre a zona dos ximnasios e outra actuación na fronte de Staffan Mörling para rematar coas filtracións
O goberno local, encabezado polo alcalde, Félix Juncal, o vicealcalde Julio Villanueva e os concelleiros de Deportes e Desenvolvemento Tecnolóxico, Ricar Verde e Xosé Leal estableceron ante o Bueu Atlético Balonmán, Adfs Bueu, Club de Loita do Morrazo e Club Patinaxe Ánfora cales serán as actuacións a curto e medio prazo que se leven a cabo no pavillón Pablo Herbello. Os traballos están englobados dentro dun ambicioso plan de actuacións que están a redactar os técnicos municipais e que se dotara con máis de 200.000 euros do Plan Concellos de 2021. Aínda así avanzouse que xa se contratou unha primeira fase que consistirá na colocación dunha cuberta de panel sandwich sobre a terraza que da á rúa A Pedra e co formigonado do tramo axardinado da rúa Staffan Mörling.
Unha vez solucionado nos últimos meses o problema das goteiras que afectaron á pista, a cal foi barnizada e tratada durante o pasado verán, o obxectivo do goberno é rematar cos problemas de humidades que teñen os antigos almacéns que foron reconvertidos en ximnasios para os clubs.
Neste aspecto as actuacións levadas a cabo hai anos para evitar as filtracións desde a rúa A Pedra non evitaron que siga habendo problemas, co cal o goberno contratou xa a colocación dun panel sandwich con ventilación que permitirá que as salas coas que contan loita e balonmán e
fútbol sala estean nas mellores condicións para as persoas deportistas. En caso de darse unha mellora do tempo a vindeira semana, tanto esta obra como a prevista para formigonar a zona axardinada onde se está a construír unha marquesiña na rúa Steffan Mörling rematarán coas
filtracións de auga cara o interior do recinto.
No caso do proxecto que se presentará ao Plan Concellos da Deputación para os que o goberno conta con máis de 200.000 euros, este está xa sendo elaborado polos técnicos municipais, polo que se animou aos clubes a que enviasen na vindeira semana as súas principais reclamacións para poder encaixalas nunha actuación integral. O goberno remarca que nos últimos dez anos as diferentes melloras e os traballos de mantemento aos que se ve sometido o pavillón de Bueu supuxeron máis de 230.000 euros investidos con cargo a subvencións doutras administración e a fondos propios do Concello, indo destinadas a diversas cuestións como accesibilidade, mellora
de salas, iluminación, fontanería ou eficiencia enerxética entre outras, que favoreceron tanto as persoas que empregan o recinto para facer deporte como para o publico afeccionado.
O pavillón municipal de Bueu será o primeiro no que actúe o goberno local, xa que ademais tamén se vai encargar un proxecto para a mellora do pavillón de Beluso do que xa hai unha proposta económica. Precisamente este é o recinto no que os equipos de balonmán e fútbol sala atopan moitos máis problemas para competir por mor dos defectos construtivos da instalación que provocan un exceso de condensación na pista e nos vestiarios, e que remarcaron como unha obra moi necesaria polo que o goberno esperará a ter o proxecto para poder buscar o financiamento necesario.
Internet e axudas
Outra das cuestións ás que fixeron referencia os representantes do executivo foi á dotación de fibra óptica para as instalacións que mellore as actuais e permita contar con internet con 200 megas ao igual que na piscina municipal, pensando na necesidade das retrasmisións en liña ás que se ven obrigados os clubs. Ademais tamén se deu conta de que a finais da semana que ven terá lugar a comisión de valoración que dará luz verde ao abono das subvencións da temporada 2018/2019, a última que se puido celebrar integramente ante a pandemia da Covid-19