Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno local valora o grande impacto dos eventos levados a cabo no mes de agosto cun impacto en todas as parroquias e proxeccion exterior

  • O FIC Bueu, a posta en funcionamento da Aula Municipal de Música e a elaboración e aprobación das bases de Cultura e Deportes centrarán a actividade no mes de setembro

A vila de Bueu foi un fervedoiro cultural e deportivo durante o mes de agosto, continuando coa senda levada a cabo no pasado mes de xullo. As actividades organizadas tanto por diferentes concellerías como por colectivos e empresas seguen a afianzar a excelente oferta para tódolos públicos que ven ofrecendo a vila morracense nos últimos anos. Setembro contará aínda con actividades como unha mostra de humor gráfico de Davila e Gogue, o FIC Bueu, unha proba de BTT ademais de levarse a cabo as tradicionais festas da Banda do Río que contarán ademais de coa tradicional verbena con actividades levadas a cabo pola Asociación de Veciños da Banda do Río. Se o pasado mes destacou o executivo o gran traballo do persoal municipal, neste quere facelo extensivo ademais aos colectivos que levan a cabo unha gran tarefa a prol da cultura e do deporte.

En clave interna desde o departamento de Cultura amosánse moi orgullosos do resultado das Freguifestas levadas a cabo neste mes de agosto. Trala inicial de Ermelo o día de Galiza, este evento multidisciplinar con actividades infantís, actuacións musicais tradicionais e de verbena e con homenaxe a mulleres e homes das diferentes parroquias conseguiu facerse un oco no verán tanto en Sanamedio -onde por desgraza o tempo non acompañou- coma en Beluso e na illa de Ons. Con respecto as críticas vertidas en prensa sobre estas celebracións por parte do voceiro do Psoe de Bueu, o concelleiro de Cultura Xosé Leal indicou “que Vilas cando crítica estas festas non está a criticar ao goberno só, senón tamén a veciñanza que colabora e goza coas mesmas e fáltalle ao respecto as persoas que reciben a homenaxe. Se cre que por chamarlle tendenciosamente festas do bloque lle quita valor ás mesmas está errado xa que ao participar persoas de todas as ideoloxías, polo que o anima a que asista polo menos ás homenaxes o ano que ven pola responsabilidade que o seu cargo implica.

As parroquias foron tamén protagonistas no teatro familiar que estivo presente este ano en Beluso, Cela e que se transladou a diferentes zonas como Ramal dos Galos e Banda do Río como unha forma de estar presentes en boa parte da vila. Neste caso só o cinema se circunscribiu a praza Massó por loxística, aínda que o goberno estuda que para o vindeiro ano tamén se poida celebrar en outras zonas coma O Valado ou as propias parroquias.

O goberno valora tamén moi positivamente tres eventos con moito éxito de público como o desfile de xoiería e moda no Estaleiro da Banda do Río, a liga ACT de traiñas e o tradicional torneo de futbol sala de base da Banda do Río. Neste aspecto a moda terá continuidade no mes de setembro con outro evento na praza Massó que terá xa a súa terceira edición. Da liga ACT o goberno cifra en miles de euros o seu impacto na hostalería ademais da súa repercusión exterior, e no caso do fútbol sala agradece unha vez máis o gran traballo de colectivos como a Adfs Bueu na súa organización.

Mais en setembro

Exposicións, o Fic Bueu, as festas da Banda do Río, e unha proba de BTT serán os eventos que marcarán un vindeiro mes moi intenso. Ademais entrarán en funcionamento a Aula Municipal de Música e comezarase coa tramitación das bases de subvencións de cultura e de deportes e a preparación do comezo das ximnasias. A todo isto a planificación do que queda de ano e das actividades para o vindeiro serán tamén un traballo moi intenso que levará a cabo o goberno e que buscará abrir e manter moitas vías de comunicación e de xestión a través das fórmulas xa existentes.