O goberno local aproba a primeira modificación da Relación de Postos de Traballo
- A modificación inclúe a creación de tres prazas derivadas de sentenzas xudiciais e outras dúas de secretaria da alcaldía e de técnico de administración xeral
- O pleno acordou por unanimidade adoptar as medidas oportunas en relación cos piñeiros da praia de Area de Bon, unha proposta que foi presentada polo PP
- A moción de apoio ao pobo palestino e contra o xenocidio, presentada polo BNG, saíu adiante cos votos dos grupos do goberno
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 5 de febreiro, o pleno ordinario no que se aprobou a primeira modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) cos votos a favor dos grupos do goberno (BNG e PSOE) e en contra do PP. Dende as bancadas do PP, a súa voceira Elena Estévez, botoulle en cara ao executivo que “en tan pouco tempo da aprobación definitiva da RPT xa traedes a primeira modificación, o que parece unha ocorrencia”. Así mesmo, continuou, “sorprende que os informes sexan da empresa externa que elaborou o documento e non da secretaria municipal”. En resposta a ela, Xosé Leal, voceiro do BNG, destacou que “a RPT é un documento vivo, que evoluciona, e o PP volve votar outra vez en contra das melloras pedidas polos traballadores e traballadoras”. Nesta liña interveu o alcalde Félix Juncal, quen puxo o foco en que “o que non queda claro é se o PP está de acordo ou non con que teñamos unha RPT, faltando na súa intervención á verdade”. O rexedor lembrou que o documento cumpre con todos os requisitos legais e que ata o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o referendou ao tombar os recursos presentados.
Esta modificación permite a creación de tres prazas derivadas de sentenzas xudiciais, concretamente dúas de oficial de xardinería adscrita a Obras e Servizos e unha de auxiliar administrativo para a área de Intervención. Ademais créase unha praza de secretaria da alcaldía como persoal de libre designación e unha de técnico de administración xeral para o departamento de secretaría. Esta modificación permite, así mesmo, ampliar o horario dun auxiliar administrativo de biblioteca a xornada completa.
O pleno continuou cunha moción presentada polo PP e que insta ao goberno local a, baixo o criterio dos técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro, adoptar as medidas oportunas en relación aos piñeiros sitos na zona de mesas e lecer da praia de Area de Bon. Segundo se explica no texto da moción, que foi aprobada por unanimidade, no merendeiro deste areal hai situados diferentes piñeiros cuxas pólas, nalgúns casos, están rotas –debido aos diferentes temporais que sufriu Galicia– e noutros en relativo mal estado, con risco de que poidan caer sobre as persoas que empregan o espazo. Polo tanto, “é necesario que o Concello de Bueu adopte algunha medida para subsanar esta situación, tendo en conta que os piñeiros están, nalgún caso, danados”.
O último dos asuntos foi a moción de apoio ao pobo palestino e contra o xenocidio, que presentou o BNG e que defendeu durante a sesión Alberto Moital. O edil fixo fincapé en que “hai que dicir ben alto que estamos diante dun xenocidio, e que esta guerra non comeza o 7 de outubro senón que vén de moi atrás”. Moital lembrou entón a historia deste xenocidio e analizou as causas polas que se produce. A continuación tomou a palabra Celso Dopazo, concelleiro do PSOE, quen destacou a “actuación exemplar do goberno do estado español, pois Sánchez é dos poucos mandatarios que defendeu publicamente ao pobo palestino”. Pola súa banda, Daniel Chapela, edil popular, destacou que “dende o noso partido condenamos calquera tipo de homicidio, asasinato ou masacre, veña de quen veña” e insistiu en que “estes casos se resolven con democracia e diplomacia, que é o que debería primar”.
O alcalde defendeu a moción porque “estamos falando de persoas e discrepo con que se trivialice un tema tan serio e co que a comunidade internacional actúa dende a hipocrisía, polo que a diplomacia á que se refiren vostedes aquí, por desgraza, non ten cabida”.
A moción, que se aprobou cos votos a favor do BNG e do PSOE e en contra do PP, esixe, entre outros acordos, o fin inmediato deste xenocidio e que se obrigue a Israel a cumprir todas e cada unha das resolucións das Nacións Unidas, utilizando todos os medios de presión para conseguir estes obxectivos.