Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Oficina de Consumo de Bueu presentará unha demanda colectiva polos gastos hipotecarios

A Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC) de Bueu presentará unha demanda colectiva para a reclamación dos gastos hipotecarios. Así o anunciaron hoxe nunha rolda de prensa celebrada nas dependencias da OMIC na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Manuela Millán, encargada do servizo, e Iván Castro, do Despacho de Calixto Escariz.

O rexedor anunciou que proximamente se presentará esta demanda colectiva, da que xa se informara á veciñanza afectada antes da pandemia, o que permitirá recuperar ata medio millón de euros e chegar a 400 persoas. Juncal salientou que “a aposta que fixemos no seu momento pola apertura desta oficina de atención ás persoas consumidoras, mostrouse como moi favorable, pois é un servizo que presta axuda, asesoramento e mediación e que permite defender ás persoas máis vulnerables nestes tempos de desprotección”.

Esta demanda colectiva permitirá reclamar colectivamente os gastos hipotecarios, nos que estarían recoñecidos a totalidade dos gastos de rexistro, taxación e xestoría, e a metade dos de notaría. Para poder facer isto efectivo, o departamento de consumo revisara toda a documentación das persoas solicitantes e buscarase completar a que falte, para a continuación enviarlla ao Despacho de Calixto Escariz, dende onde se encargarán de presentar a citada demanda. Segundo estiman dende a OMIC, estes gastos poden supoñer arredor de 1.200 € por cada reclamante.

Datos expedientes de 2023

A Oficina de consumo de Bueu tramitou preto de 300 expedientes de reclamación no ano 2023, dos cales se recuperaron 132.209,97 € para as persoas usuarias.  

A OMIC converteuse nun departamento que atende as reclamacións da cidadanía en cada vez máis sectores. Así, segundo o informe do pasado ano, tramitáronse 68 expedientes de reclamacións en telecomunicacións; 58, de luz, gas e auga; 43, de bancos; 26, de seguros; 15, de viaxes; 10, de comercio online, 8, de automoción; 4, de comercio en tenda; 1, en saúde; e 19, noutros epígrafes non encadrables nos anteriores.

A estes datos habería que engadir o Bono Social Eléctrico, unha tramitación que se leva a cabo dende a OMIC no marco do plan de asesoramento e aforro na factura da luz e a fin de evitar desprazamentos ás persoas usuarias ás oficinas das comercializadoras reguladas noutros municipios. Destes expedientes tramitáronse un total de 46, o que supoñen 36.800 € recuperados para as persoas usuarias.

Os datos dos dous anos anteriores indican que as reclamacións máis habituais son as de telecomunicacións, seguidos de luz, gas e auga, os bancos e os seguros.

Dado o interese para a cidadanía, o alcalde salienta que “estamos moi satisfeitos co funcionamento do servizo e de cara ao futuro potenciarémolo máis, con maior persoal e charlas de formación para a cidadanía”.