Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno licitará a xestión da piscina por cinco anos, incluíndo o equipamento, a xestión deportiva, o mantemento e a limpeza

A licitación da xestión da piscina municipal de Bueu conlevará un contrato de cinco anos no cal as empresas que opten ao mesmo asumirán a compra do equipamento, a xestión deportiva e o mantemento e limpeza das instalacións. Nunha xuntanza que tivo lugar a pasada semana entre o alcalde, o concelleiro de contratación pública e os departamentos de secretaría, intervención e tesourería decidiuse que a comezos de marzo estará xa actualizada a documentación técnica elaborada nos últimos anos. A revisión farase para incluír as novas condicións para o persoal ao terse actualizado recentemente tanto os convenios colectivos como pola propia suba do salario mínimo interprofesional, e tamén conlevará que sexa a empresa adxudicataria a que se encargue de comprar o material para a instalación tanto para o vaso como para a sala de ximnasio e as de actividades.
O rexedor Félix Juncal, que mostrou na xuntanza a súa preocupación por non ter avanzado na licitación, marcou xa marzo como a data para que os técnicos municipais informen toda a documentación, é dicir, o regulamento de funcionamento, a ordenanza fiscal e os pregos administrativos e técnicos para unha fórmula de contrato novidosa que xa está instaurada en varios lugares da xeografía española e da que xa están recabando información os habilitados municipais para os seus informes.
Desde o goberno local, tanto o alcalde como o concelleiro de Facenda e Contratación Pública indican que a actualización do informe económico financeiro, que incorpora os novos custos de persoal e a dotación do equipamento da instalación non vai variar as tarifas que xa se contemplaban no anterior borrador de ordenanza e que son similares ás instalacións da contorna. Neste caso, en canto aos abonos que incluirán o uso do ximnasio e do vaso serán de 26,95 euros, o individual; de 34,95 euros, o familiar de dous membros; de 40,95 euros, o de tres membros; mentres que o de máis de tres será de 46,95 euros; o de persoas mozas, terceira idade e persoas con mobilidade reducida será de 20,95 euros; inclúese un abono de verán por 35 euros. A maiores haberá cursos dun día para bebés por 29,79 euros; e de dous días de pre-mamá por 49,80 euros; de iniciación e de perfeccionamento por 41,89 euros; intensivo de verán por 58,01 euros e prevese un escolar por 20,21 euros. Haberá tamén unha entrada xeral de 5,95 euros e unha reducida de 3,95 euros para as persoas que non queiran facer os abonos xunto a unha matrícula de 25 euros.

Bos datos do 2023
A actualización dos documentos pola empresa encargada de preparar a documentación vai incorporar os excelentes datos de 2023, con 17259 reservas e 919 novas persoas usuarias, das que 8.759 foron homes e 8.512 mulleres e que contando con que estivo pechada a instalación en xullo fan unha media de persoas usuarias de 796 homes e 773 mulleres ao mes.
Tanto Juncal como Leal destacan como moi bos os datos xa que aínda que sexan coa piscina con entrada de balde “tamén o son cun horario máis reducido xa que se prevé que a piscina abra de luns a venres de 7:30 a 13:30 e de 16:30 a 22:00 horas, e os sábados e domingos de 9:30 a 13:30, co que ademais de ter máis posibilidades co horario haberá tamén o uso do ximnasio que será de última xeración e das actividades dirixidas que se prevé que sexan un dos pulmóns da instalación xa que é o que reclaman agora moitas persoas”. Unhas instalacións que polas súas boas condicións é probable que ademais das persoas de Bueu sexa empregada pola veciñanza da comarca e polas persoas que teñen na vila a súa segunda residencia e os turistas do verán.