Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno bueués aprobou inicialmente o Orzamento Xeral para o ano 2022

  • O documento saíu adiante cos votos a favor dos grupos do BNG e ACB, mentres que o PP se abstivo e o PSOE non asistiu á sesión
  • O alcalde e o concelleiro de facenda destacaron que “son uns orzamentos realistas e adaptados á realidade, que refrendan o traballo feito nos últimos anos”
  • O orzamento ascende á 6.950.000 € tanto no capítulo de gastos como no de ingresos, unha cifra récord para o Concello de Bueu

A corporación municipal de Bueu celebrou este xoves, 7 de abril, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou inicialmente o Orzamento Xeral do Concello correspondente ao ano 2022, ademais do cadro e anexo de persoal, unha proposta que contou cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB), a abstención do PP e a ausencia do PSOE. O documento publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), tras o que se abrirá un período de exposición pública de quince días para a presentación de alegacións.

Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, comezou a súa intervención apuntando que “estamos diante duns bos orzamentos, na liña dos últimos anos, que permiten seguir fortalecendo as políticas sociais que se veñen implementando, sen que isto supoña un empeoramento da situación financeira do Concello”, polo que “son orzamentos baseados na estabilidade orzamentaria”. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde da vila, destacou “a liquidación do exercicio 2021 e o remanente de tesourería positivo, o que fai que o Concello goce dunha boa saúde financeira, pois atrás quedaron os tempos escuros, de déficit orzamentario consciente, de débeda galopante, de caos e de falta de xestión”.

Elena Estévez, voceira do PP, deu os parabéns ao vicealcalde porque trouxese este documento a aprobación a comezos de ano, “aínda que vén cun reparo de legalidade, e cun plan de investimento no que faltan por recoller referencias significativas sobre aspectos que reclamamos en varias ocasións”. Sobre isto, na súa segunda intervención o rexedor quixo destacar que “a pesar do incremento dos gastos, o Concello é capaz de resistir e non incrementar a presión fiscal sobre as persoas contribuíntes, o que é froito dun gran traballo de xestión dos últimos anos”.

O orzamento ascende a 6.950.000 € no capítulo de gastos, e a mesma cantidade na parte de ingresos. Como avanzan dende o goberno local, trátase duns presupostos “rigorosos e realistas, tanto na parte de ingresos como de gastos”. Así, nos gastos inclúense persoal, compras correntes de bens e servizos, intereses, transferencias correntes, investimentos reais, transferencias de capital, pasivos financeiros, e amortización de préstamos. Con respecto aos ingresos, o incremento na participación dos tributos do Estado, as liquidacións pendentes de IBI e o incremento do padrón permiten dar ese salto até os case 7 millóns de euros, sen que fose necesario recorrer ao aumento de impostos, que se manteñen conxelados dende o ano 2005. Mentres, no apartado de gastos, este orzamento permite financiar o custe real, actual e anual do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), do servizo de xestión tributaria, así como a previsión do custe do futuro contrato de xestión dos servizos da piscina municipal.

Estes orzamentos recollen, así mesmo, a novidade de que inclúen un incremento de 180.000 euros en persoal, derivados da aplicación da recentemente aprobada Relación de Postos de Traballo (RPT). Grazas a iso, cumprirase co compromiso de mellorar as condicións retributivas do persoal municipal, que é posible sen incrementar os impostos municipais, tal e como xa se anticipara dende o goberno local.

O pleno tamén sacou adiante por unanimidade de toda a corporación a proposta de modificación da ordenanza fiscal nº 5 reguladora do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana. Esta actualización vén imposta por unha sentenza do Tribunal Constitucional, e o texto substitúe as porcentaxes anuais que había no anterior texto por uns coeficientes máximos en función do número de anos transcorridos dende a adquisición do terreo.