O goberno bueués aproba definitivamente o Orzamento Xeral para o 2022
- O documento saíu adiante cos votos a favor dos grupos do BNG e ACB, e en contra do PP, mentres e o PSOE non asistiu á sesión
- O alcalde destacou que “son uns moi bos orzamentos nos que se recollen cuestións importantes para o presente e o futuro de Bueu”
- O orzamento ascende á cifra récord de 6.950.000 € tanto no capítulo de gastos como no de ingresos
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 23 de maio, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou definitivamente o Orzamento Xeral do Concello correspondente ao ano 2022, ademais do cadro e anexo de persoal, unha proposta que contou cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB), en contra do PP e a ausencia do PSOE. O documento, que xa se aprobara de forma provisional a comezos de abril, tivo unha serie de alegacións do PP que se rexeitaron por parte do goberno local.
Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “os orzamentos son unha elaboración deste goberno para levar a cabo o noso programa, e neles recóllense unha serie de cuestións importantes para o presente e o futuro de Bueu”. O rexedor destacou algunhas actuacións que sairán adiante neste exercicio e que “nos preparan para que Bueu siga medrando cunha base sólida que construímos estes anos”. Así, entre as cuestións que se van acometer están o proxecto de renovación da Biblioteca Torrente Ballester, a Sala do Bueu Romano de Pescadoira, o Estaleiro da Banda do Río, a Bandeira Azul que se vén de acadar para a praia da Banda do Río, a adquisición de terreos para destinar a unha área de autocaravanas e caravanas, a posta en marcha do complexo deportivo da piscina municipal, a tramitación do convenio urbanístico de Beluso e do concurso de ideas da Banda do Río, a aplicación da Relación de Postos de Traballo e da estabilización laboral, e a continuación e incremento das políticas sociais e das subvencións aos colectivos deportivos, culturais e sociais.
O orzamento, que entrará en vigor cando se publique no BOPPO, ascende a 6.950.000 € no capítulo de gastos, e a mesma cantidade na parte de ingresos. Así, nos gastos inclúense persoal, compras correntes de bens e servizos, intereses, transferencias correntes, investimentos reais, transferencias de capital, pasivos financeiros, e amortización de préstamos. Con respecto aos ingresos, o incremento na participación dos tributos do Estado, as liquidacións pendentes de IBI e o incremento do padrón permiten dar ese salto até os case 7 millóns de euros, sen que fose necesario recorrer ao aumento de impostos, que se manteñen conxelados dende o ano 2005.
Elena Estévez, voceira do PP, botou en cara ao goberno que “non exista vontade para ter as nosas propostas en conta”.
Recoñecemento extraxudicial de créditos
O pleno de hoxe tamén serviu para sacar adiante o primeiro recoñecemento extraxudicial de créditos, que foi aprobado cos votos a favor dos grupos de goberno e en contra do PP e que permitirá gastos relativos, por un lado, a facturas presentadas neste ano (cun importe de preto de 60.000 euros) e que se corresponden con traballos do pasado ano, e por outro, afrontar dous pagamentos á Mancomunidade de Concellos do Morrazo que suman máis de 165.000 euros da débeda contraída con Sogama.
A voceira popular anunciou o voto en contra do seu partido porque “o goberno tería que ter máis previsións, e non debemos darlle normalidade a algo que non é”. Nese sentido, tanto Félix Juncal, alcalde da vila, como Julio Villanueva, vicealcalde e edil de facenda, explicaron que “o noso obxectivo é que os procedementos administrativos se fagan da mellor forma posible, pero temos que ter en conta as carencias de persoal e a nosa capacidade real”.