Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O filme sueco ‘Fight on a Swedish beach!!’ gaña a Ánfora de Ouro na undécima edición do FICBUEU

O filme sueco ‘Fight on a Swedish beach!!’ proclamouse o pasado sábado gañador do 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) ao facerse coa Ánfora de Ouro, dotada con 2.000 euros. O alcalde, Félix Juncal, fíxolle entrega do premio a Simon Valhne, director desta historia sobre as complicacións da convivencia en sociedade. «Bueu lembroume á miña vila natal, onde se rodou esta curta, porque é do mesmo tamaño e está na costa; creo que organizarei alí un festival tamén porque é moi bo para unha pequena vila ter un festival desta categoría», asegurou o realizador.

A Ánfora de Prata, que ascende a 1.000 euros, foi para a cinta de animación ‘(Fool time) job’, dirixida polo francés Gilles Cuvelier e que recolleu a colorista Marine Blin, segundo quen “é moi importante para a animación estar a carón das películas de acción real”. Correspondeulle entregar este galardón ao deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, quen considerou que o FICBUEU é un dos festivais que “marcan a diferenza, pois con orzamentos modestos fan produtos de gran calidade”. Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, anunciou o agardado Premio do Público para ‘Matria’, non sen antes considerar que o FICBUEU “mestura dous elementos básicos do noso sistema audiovisual, os festivais e as curtas”, tendo en conta que “contamos con curtametraxistas dunha forza e unha creatividade que lles fai ser coñecidos e recoñecidos internacionalmente”.

Matria’, dirixida por Álvaro Gago, fíxose tamén co Premio R á mellor curtametraxe galega, que foi anunciado por María Llorente, representante da compañía de comunicacións, e polo actor Antonio Durán ‘Morris’. O Premio Fundación Novas a mellor curtametraxe española desvelárono o representante desta entidade, Suso Portela, e mais a actriz Mónica Camaño, membro do xurado nacional canda ‘Morris’ e o realizador Jorge Coira. O galardón, cunha dotación de 500 euros ao igual que o anterior, recaeu en ‘El vestit’, do director catalán David González, que enviou un vídeo de agradecemento agardando “disfrutar o festival de cerca nun futuro”. A asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia entregou o Premio CREA á mellor dirección, que recaeu en Antoneta Alamat por ‘U plavetnilo’, aínda que o recolleu a actriz Vanesa Vidakovic.

Esta coprodución entre Croacia, Eslovenia e Suecia merecería tamén o premio a mellor actriz para Gracija Filipovic, mentres que o de mellor actor foi para Angélo Coutard por ‘Ce qui nous tient’ e recolleuno no seu nome o produtor Thomas Schober. Tanto estes dous últimos galardóns coma o resto de premios técnicos foron anunciados polo xurado internacional, integrado polos críticos Manu Yáñez e Carmen Gray e mais o realizador Alejo Franzetti, con experiencia en festivais como a Berlinale. Deste xeito, a fita taiwanesa ‘Dxgal’ fixo dobrete cos premios a mellor fotografía e son, ao igual que a animación sueca ‘Min börda’ coa mellor música e dirección artística. A curta italoiraní ‘Negah’ foi recoñecida co mellor guión, a chinesa ‘Xiao cheng er yue’ pola mellor montaxe, a coprodución entre Austria e Alemaña ‘Wannabe’ pola maquillaxe e peiteado e outra sueca, ‘Skuggdjur’, polo seu vestiario.

Na Gala de Clausura houbo oco ademais para entregar os premios do concurso de videoclips organizado canda o festival SonRías Baixas, que recaeron o primeiro no vídeo de Manu Viqueira para o tema ‘Ahora o Nunca’ de La Pegatina feat Macaco, o segundo en Ricardo López por ‘Vengo de Galicia’ de Ricky Hombre Libre e o terceiro tamén en Viqueira por ‘Troubled times’, de Green Day. Os tres galardoados anuncionos o director do FICBUEU, Manuel Pena, quen no discurso previo reivindicou que o certame e “a intensa actividade asociativa e cultural que hai en Bueu se merecen un espazo máis apropiado, que non entrañe tantas dificultades” coma o actual auditorio do Centro Social do Mar. Unha solicitude que foi recollida na súa intervención polo alcalde, que se comprometeu a “traballar para conseguir as mellores infraestruturas e realizar os soños que nos propoñamos colectivamente; moitos deles estanse a conseguir e, de feito, o FICBUEU forma parte desa listaxe, é algo máxico que nos permite compartir emocións e experiencias e nos fai disfrutar”, apuntou.

Félix Juncal fixo asemade referencia ao arranque da cerimonia, no que como vén sendo habitual se proxectou un fragmento dunha película con contido social. Desta volta, tratábase da última escena do filme ‘This land is mine’, de Jean Renoir, na que un profesor se despide do seu alumnado, antes de que o arresten no contexto da Segunda Guerra Mundial, cunha derradeira lección que consiste na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

A Gala de Clausura, conducida polo actor César Aldea co acompañamento de Severiano Casalderrey ao piano, puxo fin a unha xornada de peche que comezou xa de mañá coa entrega de premios da Sección Escolas Galegas, unha charla sobre a crítica de cine e mais os concertos de Paco Nogueiras e da Banda de Música Artística de Bueu. A foto de familia diante do tapiz elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu puxo fin a nove días de actividades e proxeccións polas que pasaron milleiros de persoas.