Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Festival Internacional de Curtas de Bueu atraerá a milleiros de persoas con 50 actividades

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu proponse atraer nesta undécima edición unhas 15.000 persoas cun ambicioso programa que inclúe medio cento de actividades cinematográficas e de lecer. Deste xeito, “o certame afronta o reto de pendurar o cartel de “non hai billetes” durante 9 días”, do 7 ao 15 de setembro. Así o explicou o director do FICBUEU, Manuel Pena, na presentación do evento, na que tamén interviñeron representantes do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais, principais institucións cofinanciadoras.

Neste senso, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, lembrou que “nestes anos, o festival non só se consolidou, senón que foi quen de ir medrando co apoio das distintas administracións pero, sobre todo, co esforzo da organización”, de maneira que “as últimas edicións non teñen moito que ver coas primeiras, aínda que manteñen a súa esencia” e “un éxito que se reflicte na asistencia masiva, á que aspira calquera sala de cine”, concluíu.

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, coincidiu en valorar a elevada afluencia e “a sinerxía co público local, sendo que máis consegue achegarse á cidadanía” de entre os festivais de cine que apoia a Deputación de Pontevedra. Leal destacou ademais a “aposta do FICBUEU pola formación de novos públicos, por realizar actividades ao longo de todo o ano e por dignificar a figura da muller”, tanto a través da programación coma do equipo de traballo.

Pola súa banda, o director da Agadic, Jacobo Sutil, recoñeceu asemade a capacidade organizativa e a calidade do programa do FICBUEU 2018, do que quixo “salientar a Sección Galicia R, con cinco destacadas curtametraxes de produción galega”, ademais das actividades paralelas, que van da gastronomía e a formación aos espectáculos protagonizados por Luis Davila ou Carlos Blanco. “Unha programación que vai mellorando cada ano”, apuntou.

Claves da programación

O director do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pechou a presentación desta undécima edición, orzamentada nuns 100.000 euros, agradecendo as achegas de financiadores públicos e privados e resumindo as claves da programación, que se pode dividir en 3 bloques: sesións de curtametraxes, actividades paralelas de carácter cinematográfico e propostas de ocio vinculadas a outras disciplinas artísticas. Entre as primeiras, sitúase a proxección de 80 curtas, estruturadas en diferentes seccións: Internacional, Galicia R, España, Escolas e Panorama, esta última coas mellores obras que non entraron a concurso.

As actividades cinematográficas inclúen coloquios coas e cos cineastas convidados, conferencias, clases maxistrais ou programas de radio especializados, como é o caso de ‘Carne cruda’ ou do show ao vivo ‘De Galicia a Hollywood’, con Rodrigo Cortés, Juan Gómez-Jurado e Arturo González Campos. Serán citas todas elas protagonizadas por profesionais de recoñecido prestixio no audiovisual galego pero tamén fóra das nosas fronteiras, tal e como acontecerá no Encontro con Mabel Rivera. Ao tempo, búscase aproveitar e promocionar o talento local, establecendo sinerxías con outras asociacións ou artistas como Luis Davila e Marc Taeguer, que crearán ao son de Fuzzo en ‘Debuxando coa luz’.

Entre as actividades culturais que complementan as citas cinematográficas sitúase unha interesante oferta musical que inclúe os concertos de Xoel López e De Vacas, entre outras actuacións en directo, alén de propostas para nenas e nenos. O programa detallado do 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu está dispoñible na web www.ficbueu.com, onde tamén se poden adquirir as entradas para as actividades que non teñen acceso gratuíto.