Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Entroido de Bueu remata esta fin de semana coa queima do Paxaro

  • Continúan durante o sábado e o domingo as actuacións das comparsas en diversos puntos da vila
  • O domingo terá lugar a queima do Paxaro de Mal Agoiro ás 19.00 horas na Banda do Río, aínda que este ano se cancelou o tradicional desfile por mor da Covid-19

O Concello de Bueu rematará esta fin de semana o Entroido con máis actuacións de comparsas, festas infantís e a queima do tradicional Paxaro de Mal Agoiro, aínda que todo iso en formato máis reducido e adaptado á situación da Covid-19.

O sábado ás 12.30 horas actuarán na carpa da Praza Massó as comparsas Os do Pinsel, As Faltriqueiras, Vou nun bou e Tinta Femia, e pola tarde, ás 18.00 horas, no Parque Joe Novas de Beluso. Ademais das persoas adultas, a rapazada está sendo moi protagonista da programación desta edición, e por iso ese día ás 17.00 horas se celebrará unha festa infantil na Praza Massó con aforo limitado. A cativada e as familias poderán participar na festa de disfraces na que, por primeira vez, se contará con persoal especializado en necesidades especiais; e con concurso para as categorías de bebés, infantil, xuvenil e familias.

E xa o domingo, os actos comezarán pola mañá cunha nova actuación das comparsas na Praza Massó. Pola tarde, coincidindo co remate do Entroido, está programada unha festa infantil ás 17 horas na que volverá haber persoal especializado en necesidades especiais. De cara á queima do Paxaro de Mal Agoiro, ás 18.00 horas unha charanga amenizará as rúas do casco urbano para a continuación dirixirse á praia da Banda do Río onde terá lugar a queima arredor das 19.15 horas. O paxaro nesta edición foi elaborado polos nenos e nenas participantes nos obradoiros co artista local Tino Resille que se desenvolveron a comezos desta semana.  

O programa deste ano, que comezou o pasado 26 de febreiro, incluíu actividades máis reducidas cun especial fincapé na tradición. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo e organizadora das actividades, destaca a colaboración do tecido asociativo da vila que permitiu levar adiante “este Entroido adaptado á Covid pero coa mesma ilusión e a tradición de sempre”.

Festa de comparsas en Cela