O Entroido de Bueu recuperou a plena normalidade con gran éxito de público en todas as actividades
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou que esta festa seguirá mantendo a aposta pola recuperación de tradicións
- A programación comezou o 18 de febreiro con eventos para todos os públicos e nas tres parroquias
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, fai un balance moi positivo do Entroido de Bueu deste ano, “no que contamos cunha programación moi diversa e variada, que se levou aos distintos lugares da vila, e que nos permitiu gozar a todas as franxas de idade desta gran festa que se estendeu dúas semanas, e que terá o broche de ouro o próximo venres co festival de comparsas do Bueu Atlético Balonmán en Beluso”. O Entroido de Bueu comezou o pasado 18 de febreiro co III Festival de Comparsas de Cela, que contou cun gran éxito de público e para o que foi fundamental o traballo desenvolvido pola Asociación Cultural Costumes de Cela. Carballo salientou que “nesta edición volvemos á plena normalidade cun dos programas máis completos dos últimos anos con actividades de tod@s e para tod@s, e na que existe unha estreita colaboración entre o Concello de Bueu e os diversos colectivos da vila, destacando especialmente Costumes de Cela, Bueu Atlético Balonmán e Asociación Veciñal A Morada de Meiro”.
Este ano recuperouse a maioría da programación, que estivo moi centrada na vinculación entre a tradición e a modernidade, con eventos para todos os públicos e nas tres parroquias. As comparsas foron as grandes protagonistas do Entroido, con actuacións e festivais nos que o público asistente puido gozar da música e das tradicionais “letrillas” das murgas Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia e As Faltriqueiras, o sábado 18 co III Festival de Comparsas de Cela, o 21 coa VII Filloada e o Festival de Comparsas de Meiro, o 24, no XL Festival de Comparsas do Bueu Atlético Balonmán no Pavillón Municipal Pablo Herbello, que contou cunha gran infraestrutura no Pavillón Pablo Herbello da man do Concello de Bueu e que esgotou todas as entradas.
Este ano tamén se recuperaron os desfiles de Entroido, tanto o infantil do Enterriño da Sardiña, que celebrou o mércores 22 de febreiro como o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que encheu de cor as rúas da vila o domingo 26, á mesma hora, cun desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río, un paxaro elaborado polos nenos e nenas participantes no obradoiro do artista local Tino Resille.
Os máis pequenos e pequenas tamén foron moi protagonistas das festas infantís de disfraces que se organizaron na carpa da Praza Massó nas tardes do 23 e do 26 de febreiro, nos que se contou con persoal especializado en necesidades especiais.
E para o público máis adulto, a carpa da Praza Massó acolleu dúas festas de disfraces tanto o sábado 18 como o 25 de febreiro pola noite, nos que actuou La Duendeneta, e ás que asistiron persoas dende as idades máis temperás ata as adultas; e o domingo 26, o Centro Social do Mar acolleu un baile no Centro Social do Mar co grupo Dúo Latino.