Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Entroido arranca esta fin de semana con actuación das comparsas e festa infantil de disfraces

  • O Concello propoñerá actividades máis reducidas, en espazos abertos das tres parroquias e adaptadas a todas as medidas normativas e sanitarias
  • O programa, que se estenderá ata o 6 de marzo, incluirá tamén obradoiros para a cativada e festas infantís de disfraces
  • Debido á situación sanitaria, o Concello suspendeu este ano os tradicionais desfiles do Enterriño da Sardiña e do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, aínda que haberá unha queima simbólica no peche

O Concello de Bueu iniciará esta fin de semana a programación do Entroido que, como xa se anunciou hai uns días, será reducida e adaptada á actual situación sanitaria, aínda que cunha especial atención á tradición. Así, este sábado, as comparsas da vila serán as encargadas de inaugurar os actos cunha actuación na carpa da Praza Massó que terá lugar ás 12.30 horas do mediodía.

Xa pola tarde, ás 17 horas, o Adro da parroquia de Cela acollerá unha festa infantil organizada da man da Asociación Cultural Costumes de Cela; e ás 18 horas, poderase gozar, tamén nese espazo, dunha nova actuación das comparsas. O domingo, as comparsas actuarán ás 12.30 horas na Praza Massó, e ás 18 horas na Morada de Meiro

Ademais das persoas adultas, a rapazada será moi protagonista da programación desta edición. Así, do luns ao mércores da vindeira semana a carpa da Praza Massó acollerá uns obradoiros infantís de 10.00 a 13.00 horas nos que o artista local Tino Resille ofrecerá xogos e actividades, e elaborarase o recoñecido como “Paxaro de Mal Agoiro”, figura mítica no Entroido bueués.  Estes obradoiros van destinados a nenos e nenas de 7 a 13 anos, e requírese inscrición previa a través da web municipal.

O sábado 5 de marzo terá lugar unha festa infantil de comparsas na Praza Massó con aforo limitado. A partir das 17.30 horas, a cativada e as familias poderán participar na festa de disfraces na que, por primeira vez, se contará con persoal especializado en necesidades especiais; e con concurso para as categorías de bebés, infantil, xuvenil e familias. Ese mesmo día, as actuacións das comparsas están previstas na Praza Massó ás 12.30 horas, e ás 18 horas no Parque Joe Novas de Beluso.

E o domingo 6 de marzo culminarán as actividades ás 17.00 horas cun pasarrúas e coa “queima do paxaro” aínda que nun evento máis reducido e sen o tradicional desfile. Tamén ese día e a esa mesma hora está programada unha festa infantil na carpa.

En definitiva, un programa que se adapta ás circunstancias e que nace coa colaboración do tecido asociativo da vila que, segundo a concelleira da área, “non quere que se perda a tradición”.