Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ensino de Bueu reclama medidas anticovid á Consellería de Educación

  • Profesorado, alumnado e familias concentráronse este luns na Praza do Concello nunha nova protesta para esixirlle á Xunta un comezo de curso escolar digno e seguro

O profesorado e demais persoal dos centros educativos da vila organizaron este luns unha protesta simbólica na Praza do Concello de Bueu para reivindicar que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia repense os protocolos para dar comezo ao curso escolar con seguridade e as medidas adaptadas á prevención da Covid-19. Así, trinta persoas sentáronse nunhas cadeiras organizadas tal e como pretende a Consellería que estean no próximo curso, sen cumprir as medidas de seguridade e con ratios de alumnado moi por enriba do que sería recomendable.

Esta mobilización educativa prodúcese despois da acontecida o 8 de xullo, na que os centros deron lectura a un manifesto no que demandaban a redución do número de alumnado por grupo e curso, de forma que se poida garantir a distancia mínima de 1,5 metros entre persoas e de 1 metros entre mesas do alumnado; a dotación do persoal e infraestruturas para garantir o obxectivo anterior; a dotación de material suficiente para a realización das clases con total seguridade; a implementación de medidas pedagóxicas e organizativas para unha óptima planificación do curso 2020/2021; e a posta en marcha inmediata das reformas tecnolóxicas necesarias a fin de dar resposta a novas situacións de confinamento parcial ou total.

Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, salientou na súa intervención que “é imprescindible que a Xunta recúe e repense os protocolos, para o que debería contar co profesorado”.