Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Desfile do Enterriño da Sardiña encheu este mércores as rúas de Bueu de Entroido

O Concello de Bueu organizou este mércores pola tarde o desfile infantil do Enterriño da Sardiña, no que participaron sete grupos, entre asociacións de nais e pais da vila e diversos colectivos:  Anpa A Pedra, Anpa Alborada do Virxe Milagrosa, Anpa Torre Cela, Anpa Cabo Udra de Beluso, Anpa Pichirilo da Galiña Azul, Escola Infantil Tranvía, e Animais marchosos.

O desfile arrancou dende a Praza Massó ás cinco da tarde, e percorreu as rúas Montero Ríos, Francisco Escáneo, Pazos Fontenla, Johan Carballeira, con remate na carpa de As Lagoas, na que tivo lugar a entrega de diplomas aos participantes e a desfeita da sardiña, que este ano foi elaborada novamente con globos por parte de Barafunda. Carmen García, concelleira de cultura, destacou a edición multitudinaria e agradeceu a todos os grupos a súa implicación para manter viva “a ilusión dos máis pequenos e pequenas”.

O seguinte desfile será o do Paxaro de Mal Agoiro, que se celebrará o domingo 25 de febreiro polas rúas da vila e que rematará coa queima na praia da Banda do Río.