O Concello revalida a Bandeira Azul para catro praias, as Aulas de Udra e Agrelo e o Sendeiro de Udra
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante este verán. Así, o Concello de Bueu mantén este verán as catro bandeiras azuis nas praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, nas que se valoraron factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue revalidar o distintivo azul para o sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, así como para o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 logo da súa rehabilitación municipal.
O municipio bueués recolle os froitos das diversas obras e xestións que se levan realizando anualmente para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen un labor importante no mantemento do patrimonio natural, e que chega tras un ano moi complexo debido á Covid-19. Dende o goberno local traballan coa vista posta no mantemento dos servizos para que os areais estean nas mellores condicións de cara ao verán. Nas próximas semanas comezarase coa contratación de socorristas para as praias de Bandeira Azul e, como novidade, para a céntrica da Banda do Río, coa que se agarda dar un salto cualitativo. Neste sentido, tanto Félix Juncal, alcalde de Bueu, coma Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientan que “esta praia partía dunha situación límite con umbrais de contaminación moi elevados que conseguimos eliminar cun gran traballo nestes anos e que agora a calidade da auga sexa óptima para o baño”.