Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello recibe ao CD Bueu feminino tras os últimos éxitos deportivos

O Centro Social do Mar acolleu este xoves, 1 de xullo, un recibimento oficial ás deportistas integrantes do Club Deportivo Bueu feminino, ás que o Concello de Bueu quixo dar os parabéns debido ao seu posto como campioas na súa categoría e subcampioas tras a final do pasado domingo contra o Bergantiños.

Félix Juncal, alcalde da vila, mostrou o recoñecemento e agradecemento do Concello a un club e a unhas deportistas que simbolizan o esforzo e a ilusión. Ademais, Juncal incidiu na reivindicación que estas mulleres levan a cabo para visibilizar o papel feminino nos deportes, un labor moi importante e necesario que tamén se deixou patente no vídeo reivindicativo que elaboraron sobre as mulleres e o fútbol no marco da campaña municipal do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. “Sodes un exemplo para o conxunto da sociedade e, máis concretamente, para as nenas do presente e do futuro que soñan con xogar ao fútbol, e por iso temos que continuar con esta revolución imparable que iniciaron as pioneiras co seu espírito combativo”, salientou.

No medio da emoción que se palpaba no auditorio, o Concello entregou uns diplomas conmemorativos ás vinte e dúas integrantes do equipo, ao adestrador e ao delegado do equipo, e agasallou cunha bandeira da vila ao club.

No acto estiveron presentes @s concelleir@s do goberno Silvia Carballo, Xosé Leal, Ana Isabel Otero, e Ricardo Verde, e representantes do grupo do PP, como Elena Estévez, Jesús Rodríguez, e Isolina Villanueva.