O Concello promoverá unha actuación de rexeneración urbana e urbanización na zona da Canceliña e As Meáns
- O proxecto xa foi encargado a unha empresa especializada e presentarase na convocatoria de axudas de Ágora da Deputación de Pontevedra
- O goberno local pretende seguir ampliando os espazos de convivencia para o goce da cidadanía
O Concello de Bueu continúa avanzando na ampliación de espazos de convivencia para as persoas, e actualmente vén de encargar a redacción dun proxecto a unha empresa especializada para a rexeneración urbana e a humanización das zonas de Canceliña e As Meáns. Este proxecto, que se vai inserir na convocatoria das axudas da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, busca fomentar e potenciar a mobilidade alternativa peonil e ciclista, tentando acadar unha maior seguridade cidadá.
Segundo destacan Félix Juncal, alcalde da vila, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “con esta actuación pretendemos ampliar as beirarrúas para o tránsito de peóns, e así mesmo mellorar a comunicación peonil con seguridade entre a Avenida de Marín e a Avenida Loureiro”.
Segundo se avanza na memoria inicial, con este proxecto ordenarase o tráfico rodado e darase prioridade ao tránsito peonil pois, en palabras de Juncal e Villanueva, “a idea é que existan cada vez máis espazos para as persoas e para compartir con tranquilidade”. Isto acadarase cun cambio no pavimento, a reforma da sinalización horizontal e vertical. Así mesmo, proponse ampliar a praza triangular do comezo da actuación na Avda de Marín, xerar zonas de estancia nos nodos, e deseñar plataforma única nos espazos onde a rúa se estreita, cunha restrición na velocidade dos vehículos a 10 qm/h.
De forma similar ao que xa se fixo hai uns anos na rúa A Pedra, este proxecto buscará a integración e a sostibilidade co espazo, e suporá unha revitalización deste ecosistema urbano moi importante.
O proxecto tamén se insire las liñas de actuación que o goberno local leva a cabo para cumprir co Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS) e co Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía (PACE), dúas guías aprobadas recentemente no Concello de Bueu e que permiten “dende o local actuar no global”.