O Concello pavimenta o Camiño da Carrala que aliviará a saída de vehículos dende a praia de Tuia
- Félix Juncal apunta que este vial xa se adecentara o pasado verán pero que quedaba pendente unha actuación de mellora do firme, que é a que se rematou esta semana
O Concello de Bueu rematou esta semana os traballos de pavimentación do coñecido como “Camiño da Carrala”, que permitirá a saída dos vehículos da praia de Tuia, na parroquia de Beluso, en sentido ascendente. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “conscientes da problemática neste lugar, provocada pola gran cantidade de visitantes ao areal, o Concello habilitou o pasado verán unha solución intermedia, que consistiu na limpeza e adecentamento deste camiño que desemboca en Cabalo, co compromiso de realizar unha actuación completa a posteriori, que se rematou estes días”.
Unha vez rematadas as obras, dende a alcaldía informan de que, ao igual que na pasada tempada estival, as persoas que accedan ao areal de Tuia farano polo lugar de Sar, mentres que a saída será por este camiño, polo que tamén se pasará para acceder a un aparcadoiro habilitado nas inmediacións de aproximadamente 4500 metros, e que se poderá utilizar nos próximos días unha vez realizada a súa limpeza. Con esta intervención, na que se investiron preto de 50.000 euros de recursos propios, o goberno bueués pretende solucionar os problemas de embotellamentos que se producían no lugar de Sar ao longo do verán, e tamén ofrecer alternativas para estacionar e impedir o colapso na zona do areal.
O tramo asfaltado suma uns 570 metros lineais, e soamente se puideron asfaltar os tramos de titularidade pública. Juncal fai fincapé no compromiso do Concello para reforzar a seguridade nesta zona, que se refrenda coa na mellora da sinalización horizontal e vertical, e a través da colocación de sinais máis grandes nos que se prohiba o acceso a caravanas e autocaravanas así como o estacionamento a ambos lados do vial, amais da construción dalgún paso elevado. Con iso conseguiríase aliviar o problema e asegurar que a veciñanza da zona poida entrar e saír das súas vivendas con plenas garantías.