O Concello organiza cursos para o fomento da tecnoloxía nas persoas maiores
- As actividades desenvólvense na Sala Multiusos do local de Benestar Social e buscan fomentar a independencia dixital das persoas maiores
Arredor de corenta persoas participan nos cursos de novas tecnoloxías para maiores, que esgotaron as prazas dispoñibles rapidamente. As actividades, que están organizadas pola concellaría de benestar social coa colaboración de diversos colectivos, teñen como obxectivo fomentar a independencia dixital das persoas maiores para levar a cabo as súas tarefas de forma autónoma.
O primeiro deles foi impartido a finais de xaneiro e comezos de febreiro, en catro sesións, a cargo da Fundación Amigos de Galicia, e nel as persoas participantes contaron cun simulador de caixeiro automático bancario e teléfono móbil, grazas aos cales aprenderon de forma práctica a interiorizar as actividades propostas, como solicitar unha cita médica, gardar quenda no seu concello ou Centro de Saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar un teléfono móbil.
O segundo, que se celebra todos os luns deste mes de febreiro, é impartido por persoal de Ticymayores, e nel tamén se explica o funcionamento dos teléfonos móbiles e as xestións diarias que se poden facer con eles.
Segundo Laura Ogando, concelleira da área, “estes cursos forman parte das políticas sociais activas nas que buscamos a participación de todas as persoas, neste caso das maiores”.