O Concello mellora a iluminación na zona de Cabo Udra
- As obras prevén a instalación dunha trintena de puntos de iluminación LED co que se logra un aforro enerxético e económico
O Concello de Bueu continúa coa mellora da iluminación e esta semana comezou a substitución dunha trintena de puntos de luz na zona de Cabo Udra, concretamente dende Mourisca ata Sar. Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou hoxe a zona e salientou que “con esta actuación imos substituír luminarias que son antigas e ineficientes por outras de tecnoloxía LED, ademais de colocar algúns puntos novos que completan os xa existentes”.
A obra está sendo acometida pola empresa Tecnología Gallega de Mantenimiento y Servicios SL, cun importe de 38.056,64 €, IVE engadido, e fináncianse con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación Provincial de Pontevedra. Así mesmo, con esta actuación agárdase que queden solucionadas as problemáticas asociadas a puntos de luz que están permanentemente acendidos.
O goberno local leva moitos anos implementando políticas de redución do impacto medioambiental, e a substitución de luminarias en diversas zonas das tres parroquias é unha das liñas de acción, coa que se minimizan os custes enerxéticos e tamén económicos. Precisamente, agora mesmo está aberto o prazo de licitación para que as empresas se presenten ás obras que van permitir que a senda entre Trasouto e A Portela conte con iluminación ao longo desta primavera.