O Concello izou este mércores as bandeiras azuis nas praias
Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Ricardo Verde, edil de deportes, participaron no acto simbólico de izado de Bandeiras Azuis que tivo lugar este mércores á tardiña no areal de Area de Bon. O municipio bueués mantén para este verán as catro bandeiras azuis nas praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, das que ADEAC valorou a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue o distintivo azul para o sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, así como para o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 tras ser rehabilitado polo goberno municipal.
A concelleira de promoción económica estivo traballando nas semanas anteriores co fin de poñer a punto todos os servizos previos ao izado das bandeiras. Así, encargáronse paneis informativos coas medidas de seguridade e hixiene da Covid-19 e aforo en cada un dos areais, contratouse o persoal o servizo de salvamento e socorrismo e, finalmente, tamén se abrirán os baños dos areais. Carballo apela á responsabilidade cidadá para que se cumpran todas as medidas estipuladas e as praias estean nas mellores condicións posibles. Así mesmo, fixo fincapé nas dificultades deste ano para xestionar todos os servizos a tempo, logo do confinamento domiciliario pola alerta sanitaria.