O Concello inviste 6000 euros na ampliación do Arquivo Municipal
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, visitaron a pasada semana o Arquivo Municipal no que o Concello investiu 6000 euros para a súa ampliación e dotar de estantes a sala principal. Esta reforma súmase á xa realizada tamén o pasado ano noutra sala anexa con cargo a unha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, que contou cun investimento de máis de de 18.000 euros. Alí ubicáronse 56 estantes móbiles que permitiron dar cabida a 4.295 caixas de documentos, case un cento máis das inicialmente previstas.
No entanto, no arquivo aínda quedaban case un milleiro de caixas máis sen acomodar, ademais das que permanecen na casa consistorial ao non ter pasado os cinco anos marcados para o período de consultas. Por este motivo, o goberno local decidiu completar a actuación coa preparación da sala principal, e a finais de ano quedaron colocadas as estanterías móbiles, que permiten almacenar entre 1600 e 1700 caixas, co que se solucionan un dps problemas principais do arquivo. Segundo salienta Moital “as instalacións atopábanse nunha situación bastante precaria que agardamos solventar en parte con esta actuación, e que pronto se complementará cunha obra que pretende rematar coas humidades e os problemas estruturais do edificio”.