O Concello iniciou este xoves o ‘Concilia Bueu 2021’ no que participan un cento de nenos e nenas
- A cativada de entre 3 e 12 anos terá a oportunidade de realizar actividades lúdicas durante os meses de xullo e agosto
- Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social, deu a benvida aos e ás participantes, que estes días primeiros días gozarán das salas da piscina das Lagoas
O Concello de Bueu iniciou este xoves, 1 de xullo, os campamentos do programa ‘Concilia Bueu’, unha iniciativa na que participarán un cento de nenos e nenas 3 a 12 anos durante os meses de xullo e agosto. A rapazada gozará de diversas actividades lúdicas e deportivas coas que pasarán as mañás de luns a venres en horario de 8 a 14 horas.
Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social, e Xosé Leal, edil de cultura e ensino, participaron esta mañá na inauguración deste programa social que ten por obxectivos favorecer a conciliación laboral e familiar, e ofrecer unha alternativa de lecer para as pequenas e pequenos despois do remate do curso escolar. Por iso, ao igual ca no pasado ano, o programa será de balde para as familias, asumindo o Concello a totalidade do custe do mesmo.
A rapazada goza estes primeiros días das salas de usos múltiples da Piscina Municipal das Lagoas, onde se desenvolverán os obradoiros que logo terán lugar entre certos espazos do CEIP A Pedra, tanto de infantil como de primaria, o IES Johán Carballeira ou o Pavillón Municipal de Deportes Pablo Herbello. Así, os nenos e nenas distribuiranse en grupos reducidos adaptados aos protocolos da Covid-19 e tamén se promoverán os lugares abertos e as saídas.