O Concello inicia unha campaña informativa sobre xestión de biomasa de cara á prevención de incendios forestais
- Actualmente estase elaborando o Plan de Actuación Municipal para o Risco de Incendios Forestais, que se aprobará nos próximos meses
O Concello de Bueu impulsa unha campaña de concienciación e sensibilización ambiental, para que toda a cidadanía cumpra coa lei e manteña limpas as súas propiedades. Para iso, o alcalde vén de ditar un bando sobre a xestión de biomasa de cara á prevención de incendios forestais, que se publicou na páxina web e que tamén se espallará polos lugares e parroquias da vila. Desde a concellaría de medio ambiente, rexentada por Tamara Sotelo, salientan que “é fundamental que actuemos con medidas preventivas para transmitir tranquilidade ás persoas ameazadas polos hipotéticos lumes que poidan producirse, sobre todo na tempada estival”. Con este obxectivo tamén se traballa desde fai uns meses no Plan de Actuación Municipal para o Risco de Incendios Forestais que se aprobará proximamente.
O bando baséase na Lei 3/2007 do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que se modificou a raíz dos tráxicos incendios acontecidos en outubro de 2017 no que faleceron catro persoas na nosa comunidade.
A Lei obriga a limpar as denominadas “redes secundarias de faixas de xestión de biomasa”, que son franxas de seguridade, ideadas para evitar a propagación do lume. Así, segundo esta normativa, débense manter limpas de piñeiros, eucaliptos, acacias, mimosas, toxos, xestas, fentos, silvas e uces, as franxas de 50 metros perimetrais a solo urbano, núcleo rural e urbanizable; e as edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións industriais. Da corta e da roza, así como da retirada de especies arbóreas terán que facerse responsables as persoas propietarias das parcelas, antes de que finalice o mes de maio de cada ano.
Ademais do bando, o Concello difundirá unha serie de folletos informativos polas parroquias e diversos lugares, cuxo obxectivo é “explicar a lei de forma moi visual e atractiva, ademais de resolver as dúbidas que poidan xurdir”. O goberno local confía en que a comezos do vindeiro ano, e a través do pertinente convenio coa Xunta de Galicia, por parte da administración competente se procederá ao envío masivo de notificacións ás persoas propietarias das fincas para que cumpran coa lexislación.
O Plan de Actuación Municipal de incendios Forestais
O Plan de actuación Municipal de incendios Forestais (PAM) é un instrumento que describirá as actuacións necesarias para evitar os incendios forestais. Os encargados de levar a cabo os traballos son Manuel Peixoto, enxeñeiro forestal, e Jaime Corral, director de seguridade, quen informan que a vila bueuesa conta cun total de 12.083 parcelas afectadas.
O PAM consta de cinco apartados: no primeiro estudarase o municipio (relevo, pendente, vexetación, distribución da poboacións…) así como a definición das redes secundarias de xestión de biomasa; o segundo analiza o risco existente para cada unha das áreas afectadas e define elementos vulnerables (xeriátricos, colexios, parques industriais, infraestruturas críticas…); o terceiro define os niveis de activación do plan segundo a perigosidade; o cuarto organiza aos/ás responsables municipais en grupos de traballo; e o quinto, establece as normas xerais de actuación para cada responsable do grupo.