Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello impartirá clases de ximnasia na auga no mes de xullo

• Segundo avanzan dende o departamento de deportes, haberá grupos os martes e venres de 10 a 11 e de 11 a 12 horas
• As persoas que desexen participar deberán inscribirse previamente na piscina, a través do teléfono 986138689 ou no correo electrónico piscina@concellodebueu.gal

A Piscina Municipal de Bueu, situada na zona das Lagoas, acollerá durante o mes de xullo clases de ximnasia na auga, que o Concello ofrecerá de balde para a cidadanía que desexe coñecer esta modalidade de exercicio. Ricardo Verde, concelleiro de deportes, avanza que haberá grupos os martes e venres de 10 a 11 e de 11 a 12 horas, e as persoas que desexen participar poderán inscribirse de balde no teléfono 986138689 ou no correo electrónico piscina@concellodebueu.gal. Ademais destas clases, o consistorio tamén suma as de ximnasia para persoas con Párkinson, que xa se impartían antes da pandemia, e que terán lugar os luns e xoves de 10 a 11 e de 11 a 12 horas, tamén en xullo.
O Concello de Bueu adquiriu hai un mes material novo para incrementar os recursos da piscina e que demandaban moito as persoas usuarias, sobre todo porque axudan ao nado ou á práctica de deportes como a ximnasia na auga. Así, a piscina conta con dous tapices individuais para a mellora do equilibrio na piscina, 30 churros para o control postural, 25 táboas de natación de tamaño mediano para mellora da técnica de natación, 50 pullboy e 50 pulseiras para fomento da técnica e aprendizaxe, e 25 pares de mancuernas.
Ademais, e dada a demanda por parte da cidadanía, dotouse de lousas de PVC antideslizante a cada un dos vestiarios, que melloran o acceso á piscina e ás clases de ximnasia.
Neste máis dun ano de vida, o Concello abriu a piscina de forma gratuíta co obxectivo de dar a coñecer as instalacións á cidadanía aínda que cun horario reducido e soamente con acceso ao vaso. Neste período, as cifras de asistencia demostran que a infraestrutura segue afianzándose coma un gran centro deportivo e de saúde, e nela acóllense dende o pasado setembro clases de ximnasia e de mantemento deportivo, e tamén houbo sesións de zumba durante o Nadal e a Semana Santa.
Agora, os servizos técnicos e xurídicos do Concello están ultimando todos os documentos para licitar o servizo de xestión dos próximos anos. Mentres, a cidadanía poderá continuar asistindo á piscina de forma gratuíta e en horario de luns a venres de 09.00 a 12.00, e de 17.00 a 21.00 h, e os sábados de 09.00 a 12.00 horas. As persoas que queiran inscribirse poderán chamar ao teléfono 986138689, ou escribir ao correo electrónico piscina@concellodebueu.gal. O Concello confía en que as instalacións poidan estar completamente operativas e adxudicadas a través dun contrato de xestión de servizos no último cuadrimestre do ano.