Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello entregou os premios dos certames educativos ‘A igualdade no traballo’

  • O alumnado premiado nas categorías de viñeta e ilustración e literario recolleu os agasallos no acto celebrado este luns no Centro Social
  • Un grupo de rapaces e rapazas do CEIP Montemogos realizou a declaración conmemorativa do Día Internacional das Mulleres

Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, o Concello de Bueu centra os actos polo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, nos rapaces e rapazas, é dicir, coa educación como piar básico e instrumento dende a que promover o cambio social. Así se reflectiu este luns na entrega de premios dos certames educativos ‘A igualdade no traballo’, nas categorías literaria e de viñeta e ilustración, que tivo lugar ao mediodía no Centro Social do Mar.

Os rapaces e rapazas do CEIP Plurilingüe Montemogos de Beluso encargáronse da declaración conmemorativa inicial na que abordaron conceptos como os estereotipos de xénero, a fenda salarial, o teito de cristal e os micromachismos.

A continuación, os concelleiros e concelleiras entregaron os premios dos certames. No XIV concurso de viñeta e ilustración, existen dous primeiros premios para a ESO, concretamente para os deseños de Marina Vidal de la Torre (imaxe elixida para a campaña de Educación Non Sexista do 2021) e o de Lucía Pérez Pereira, ambas de 4º da ESO do CPR Virxe Milagrosa. No caso do Certame Literario acadou o primeiro premio Xabi Martínez Pena, de 5º de primaria do CEIP Plurilingüe A Torre de Cela, pola súa poesía “A miña super tataravoa”. Ademais, acadaron mencións especiais os traballos de Candela Castro Recamán e Ana Rodríguez González, de 5º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Antía Leal Iglesias, Lucas Chapela Estévez e Xavi Santaclara Martínez, de 6º de primaria do CEIP A Pedra; Manuel Soliño Iglesias, de 5º de primaria do CEIP de A Torre de Cela; Antía Riobó Cerviño, de 6º de primaria do CPR Virxe Milagrosa; Rosana Martínez Reiriz, de 61 de primaria do CEIP Plurilingüe Montemogos de Beluso; e Daniel Moital Pastoriza, de 1º da ESO do IES Johán Carballeira. Ao certames presentáronse 108 viñetas e ilustracións e máis de 61 microrrelatos, biografías e poemas.

O alcalde salientou que ano a ano “estes actos fannos ter esperanza, emociónannos”, ao tempo que fixo fincapé en que “a loita pola igualdade entre homes e mulleres compétenos a toda a sociedade, e vós (polo alumnado) sodes os brotes verdes”.

No acto participaron o alcalde, Félix Juncal, o vicealcalde e voceiro de ACB, Julio Villanueva, a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, e os edís do goberno Martín Villanueva e Ricardo Verde. Tamén estiveron presentes Elena Estévez, Isolina Reboiras e Mª Carmen Núñez, do grupo municipal do PP, e de José Manuel Vilas, do PSOE.

Actos programados

Dende a concellaría de igualdade, dirixida por Ana Isabel Otero, continúan durante todo o mes coa programación especial con motivo do Día Internacional das Mulleres. No Centro Social do Mar poderase ver a exposición“Navegando libres. Mulleres para Pensarmos” do IES Politécnico de Vigo.

O venres 13 de marzo, o Cineclub Bueu proxectará o filme ‘En deuda con todas’ ás 21.00 h no Centro Social do Mar, no que se trata sobre a penalización do aborto en El Salvador. Ao día seguinte, presentarase o libro As fillas da Manola, de María López, que fora gañadora do Certame de Relatos de Muller Matilde Bares no 2018, nun acto que terá lugar ás 12 h na Sala Domínguez Búa.

O 28 de marzo presentarase o Ciclo de Teatro Matilde Bares, e xa o 15 de abril, ás 20.00 h, farase entrega do premio a Eva Mejuto, gañadora da última edición do Certame de Relatos de Muller Matilde Bares cunha historia en homenaxe á que fora mestra de Bueu durante o século XX.