Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello elaborará un plan para activar a área recreativa de Chans desde o punto de vista ambiental e do ocio

A vindeira semana rozarase e limparase o entorno para dar cumprimento ao convenio entre a administración local e a Comunidade de Montes de Cela.

A posta en valor da área recreativa de Chans é un obxectivo do goberno municipal, que quere dar un novo impulso a este espazo de gran valor ambiental, patrimonial e social. Este obxectivo, enmarcado no convenio asinado coa Comunidade de Montes de Cela, viuse afectado pola situación de pandemia dos últimos anos para a súa execución.

O executivo local quere ser ambicioso co espazo natural referencia da parroquia polo que proporalle á veciñanza comuneira a elaboración dun ambicioso plan de posta en valor ambiental e de ocio activo para o cal xa se están dando os pasos para a contratación dunha empresa especializada que dote dun documento técnico que guíe a administración e veciñanza na que debe ser unha mellora integral que faga de Chans e Cela uns referentes neste eido.
Pero mentres se tramita a contratación do proxecto, haberá unha primeira fase na vindeira semana na cal se van levar a cabo traballos de mantemento e conservación pendentes trala pandemia. Estes comezarán coa roza de todo o entorno e a retirada de diferentes elementos e entullos. O alcalde bueués, Félix Juncal, acompañado dos concelleiros de Deportes, Ricar Verde, e do de Cultura e Medio Ambiente, Xosé Leal, estiveron onte no lugar para planificar os traballos dos vindeiros días. O rexedor salientou que hai cuestións que xa se teñen falado en varias reunións coa Xunta Reitora e que se deben retomar, e puxo como exemplo dentro da mellora do espazo como zona de ocio que se pretende impulsar a posible dotación de asadoiros seguros que se poidan utilizar durante todo o ano, ao igual que sucede cos que se veñen de instalar no Lago de Castñeiras, ou algunha caseta con servizos. Ademais, tanto Verde como Leal ven moitas posiblidades en Chans como espazo de concienciación, con posibilidades para prácticas deportivas como o fútbol e os deportes tradicionais e de orientación, que serán estudadas pola empresa que leve a cabo o plan de melloras do entorno. Así mesmo, Leal avanza que tamén será inmediata a elaboración e colocación de paneis con información ambiental que será extraída do libro “Bueu Naturalmente”, que sairá estes días da imprenta e que xa incorpora a importancia das Carballeiras de Chans como un elemento singular da nosa vila. Sobre a mesa tamén está a posibilidade de poder organizar unha romaría como se facía tradicionalmente coa festividade de San Lourenzo, para o cal se consultará cos diferentes colectivos da parroquia para estudar a súa viabilidade para levala a cabo xa este mes de agosto.