Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello elabora un estudo sobre a violencia de xénero na adolescencia

  • O traballo foi elaborado dende o Centro de Información ás Mulleres con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do 2019 e recolle conclusións e recomendacións

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade e do Centro de Información ás Mulleres, presenta un estudo sobre a violencia de xénero na adolescencia, que foi elaborado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do ano 2019, e no que se recollen conclusións e recomendacións. Os obxectivos do estudo son analizar os comportamentos de adolescentes para previr os casos de violencia de xénero, coñecer as formas de discriminación máis habituais na mocidade, e deseñar pautas de intervención para fomentar actitudes igualitarias nesa etapa tan importante.

O estudo fíxose a partir de enquisas realizadas a un total de 459 persoas, das cales 205 eran mozas e 254 mozos que cursan educación secundaria obrigatoria, ciclos formativos e primeiro curso de bacharelato nos centros de ensino IES Johan Carballeira, IES Illa de Ons e CPR Virxe Milagrosa. No cuestionario abordáronse cuestións como modelos de identificación e identidade, ciberviolencia, relacións sentimentais e mitos do amor romántico, valores, tempo libre e ocio, e hipersexualización. A través da análise desta variables, o estudo contén unha serie de conclusións, como son a preocupación que sente a xeración actual con respecto á violencia de xénero, debido a que é un tema que forma parte da axenda educativa e política. Pero así e todo, esta preocupación non quere dicir que elas e eles teñan claro o concepto, pois seguen consumindo o sostido polo patriarcado.

Outra das conclusións que chama a atención é o papel que xogan o cinema, a música ou os videoxogos na formación da identidade. Nesas idades obsérvase que as mulleres se identifican con modelos próximos ao romanticismo, mentres os homes se sitúan máis no lado da aventura e da acción.

Propostas de actuación

Sobre este traballo de análise, o equipo redactor propón unha serie de recomendacións de actuación, como son: organizar dende os centros educativos e as anpas charlas para mellorar a comunicación con fillos e fillas adolescentes; elaborar guías destinadas ás familias para informar sobre os videoxogos aos que xogan as fillas e fillos; promover unha semana de cine social na que se proxecten títulos que aborden estas temáticas; favorecer a creación de festivais de ocio alternativo igualitario; organizar actividades de formación e/ ou sensibilización relacionadas coa prevención de violencias e a promoción da convivencia intercultural; realizar obradoiros de novas masculinidades onde se traballen aspectos tóxicos relacionados coa masculinidade hexemónica; ou fomentar actividades de empoderamento que axuden a visibilizar a variedade de traballos que existen e así ampliar as expectativas laborais e persoais das e dos adolescentes.