O Concello de Bueu trae á vila o concerto híbrido ‘José Suárez. Suite para unha vida’
- Baixo a dirección artística de Rafael Fernández, poderase gozar desta proposta o xoves 14 de abril ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar aforo
- O concerto percorre, a través de música e imaxes, a vida e obra do fotógrafo José Suárez
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, trae a Bueu “José Suárez. Suite para unha vida”, unha composición de Rafael Fernández que homenaxea a vida e obra do fotógrafo José Suárez, recoñecido internacionalmente e cuxa serie “Mariñeiros”. Precisamente esta serie ten concomitancias coa vila morracense, pois nela constrúense retratos en primeiro plano e imaxes xerais nas que os mariñeiros son esenciais, e nas que recoñeceremos escenarios como o peirao de Massó, a praia da Banda do Río ou Beluso. O concerto, do que se poderá gozar de balde este xoves 14 de abril ás 21.00 horas no auditorio do Centro Social do Mar, contará con Rafael Fernández e Virxilio Fernández na guitarra eléctrica, Bleuenn Le Friec na arpa, Álex Salgueiro nos teclados, e Iván Torres na parte visual.
Segundo destaca Xosé Leal, concelleiro de cultura de Bueu, “trátase de dar a coñecer a figura de José Suárez, un fotógrafo que estivo en Bueu nos anos 30 e que se inspirou na nosa vila e nas súas xentes”. Esta proposta inclúese no programa “Bueu Gozosos Anos 30”, unha proposta que naceu hai uns anos para dignificar e lembrar a memoria dos anos previos ao golpe de estado do 36 e o que deron de si a nivel cultural.
A obra consiste nun concerto de música orixinal escrita para guitarra eléctrica, arpa e teclado que se executará en directo mentres se realizará unha vídeo creación en vivo con fotografías orixinais dixitalizadas de José Suárez. Baixo a dirección artística do músico Rafael Fernández, “José Suárez Suite para unha vida”, propón un percorrido pola vida e obra do fotógrafo en catro partes, para o que se contou coa colaboración do seu sobriño, Xosé Luis Suárez Canal.
Cada una destas catro partes está pensada para ofrecer unha dimensión maior do que foi a vida e a obra do fotógrafo. Isto farase grazas a unha música atmosférica e por momentos descritiva sustentada e inspirada nas fotografías, así como no momento vital do protagonista. Tamén se utilizarán pequenos fragmentos de texto do propio Suárez, así como doutros de intelectuais do seu tempo que estiveron presentes na súa vida, como Unamuno ou Blanco Amor, entre outros.
A primeira parte, titulada “Galicia e os mariñeiros”, conta cunha música solemne, que pretende dignificar os protagonistas, as olladas, e o mundo mariñeiro que trata na súa serie máis recoñecida, “Mariñeiros”. A segunda, “Exilio”, cambiará a música a tons máis melódicos cos que pretende reflectir a soidade que sentiu o autor no momento no que se separou da Galiza, pero tamén deixando entrever o que esa etapa supuxo para a súa obra, que gañou en variedades temáticas e estilísticas. Aquí farase un percorrido polas súas fotografías da neve, os ovelleiros, os gauchos e a serie da Patagonia. A terceira parte titúlase “Xapón e a súa espiritualidade”, e a música toma formas e modos propios do folclore xaponés, a través dos que evocar no público espectador a admiración que lle produciu o pobo xaponés e o seu clima de sensibilidade, interioridade, a súa artesanía e o espírito co que se relacionan coa natureza. E xa por último, a parte de “Retorno e morte” engarzará coa do comezo, cunha música solemne, coa que se pretende reflectir o momento vital de Suárez, marcado pola depresión, a desesperanza, or problemas económicos e, finalmente, a morte. Neste caso, as fotografías feitas en Castela servirán como mostra deste período vital.