Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O concello de bueu ten aberto o prazo para participar en catro licitacións

O Concello de Bueu ten aberto actualmente o prazo de licitación para catro proxectos, que son os do acondicionamento da Praza Massó, a pavimentación de camiños municipais, a adquisición de mobiliario e a pavimentación do camiño de Outeiro.

O obxectivo da acondicionamento da Praza Massó é adecuar un espazo que actualmente se atopa obsoleto, dado que o estanque está en mal estado de conservación, o que impide o goce da cidadanía. Así, as obras proxectadas van consistir na execución de recheo, pavimentación, instalación dunha fonte transitable e adaptación da contorna para persoas con mobilidade reducida. O prazo de presentación das ofertas remata o 11 deste mes, e o prezo de licitación é de 67.909,74 €, IVE incluído, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Para a pavimentación do Camiño de Outeiro, con cargo a unha subvención do AGADER e cun prezo de licitación de 57.687,96 €, IVE incluído, o prazo remata tamén o próximo luns, 11 de decembro. Concretamente vaise asfaltar unha distancia de aproximadamente 500 metros desde a Casela ata o Outeiro, onde se arranxarán cunetas, ampliarase o sobreancho do camiño e incluso se canalizarán as augas pluviais.

Esta pavimentación forma parte dun proxecto máis extenso e correspóndese coa segunda fase do mesmo. A primeira, que abrangue entre o lugar de Meiro e a Casela, farase con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra e suporá a mellora de máis dun quilómetro de vial e a recollida das grandes cantidades de auga que circulan por el e que dificultan o tránsito sobre todo na época invernal. Para este caso, o Concello ten aberto o prazo de licitación ata o 2 de xaneiro, xunto aos outros camiños de Costiña, Vilar, Sar, cun importe de 196.940,42 €.

E xa por último, ata o 19 de decembro poderanse presentar as ofertas para optar ao proxecto de adquisición de diverso material para actividades municipais, cun orzamento de 38.846,65 €, con cargo tamén ao Plan Concellos 2017. En concreto, solicitaranse cadeiras de diversas características, mesas polivalentes rectangulares e pregables rectangulares, armarios con portas baixas e mobles vitrina. O proxecto tamén establece a necesidade de contar con diversos complementos e aparatos electrónicos, como dous xogos tradicionais de chave, catro xogos de petanca, catorce espellos icoloros, seis antenas de televisión, seis televisores, cinco pizarras laminadas móbiles e unha interactiva con rodas, un soporte móbil para pizarra dixital e un proxector de curta distancia.

Toda a información sobre estes proxectos pode descargarse na Plataforma de Contratación do Estado, con acceso dende a web municipal (www.concellodebueu.org).