O Concello de Bueu revalida os sendeiros azuis de Cabo Udra e do Litoral
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “para nós é moi importante apostar por estas distincións, con dous sendeiros que serven para poñer en valor o patrimonio natural que temos”
- O goberno local agarda volver acadar os galardóns azuis para as praias de Lapamán, Portomaior, Area de Bon, Lagos, e Banda do Río, así como para Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo
O Concello de Bueu vén de ser recoñecido con dous galardóns na campaña de “Sendeiros Azuis 2024” que concede anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). O municipio bueués renova o distintivo azul para o Sendeiro de Cabo Udra, e acádao por segunda vez para o Sendeiro do Litoral, o que refrenda o traballo dos últimos anos para poñer en valor os recursos medioambientais e da natureza. O goberno local mostra a súa satisfacción pola consecución destes dous galardóns que premian a aposta pola difusión da natureza de forma respectuosa e con actividades dinamizadoras.
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “para nós é moi importante apostar por estas distincións, con dous sendeiros que serven para poñer en valor o patrimonio natural que temos”. Precisamente, a este distintivo turístico únese a “compoñente medioambiental”, o que para o goberno local é igual de importante, pois ten en conta en todo o traballo levado anualmente, como son as rutas guiadas de sendeirismo por ambos percorridos, e a inclusión na aplicación de Wikilok para que todas as persoas poidan realizalas de forma individual.
O Sendeiro do Litoral de Bueu, cun percorrido de 6,5 quilómetros, iníciase na praia de Portomaior e finaliza na de Lagos, percorrendo os elementos que definen a Bueu como unha vila mariñeira de esplendoroso pasado industrial: as factorías de salgadura e conserveiras que outrora dominaban a súa fachada marítima dan conta da importancia que tivo a chegada da modernidade tecnolóxica e industrial a Galicia naquela altura; o Museo Massó e o Estaleiro de Purro son puntos de parada obrigados para afondar neste momento da historia local; e a paixase natural de bosques e rochas erosionadas polo vento encamiñan á praia de Lagos.
No caso do de Udra trátase dun sendeiro circular de 6 quilómetros, con paso polos areais de Tuia, Ancoradouro e Beluso, e co inicio e final na Aula da Natureza de Cabo Udra.
Estes galardóns recoñecen esforzo e compromiso do goberno local para manter a calidade e o coidado da contorna, ademais de contribuír á súa promoción. Estes sendeiros constitúen un dos recursos naturais máis prezados da vila bueuesa, pois neles conflúen abondosos elementos vencellados co patrimonio etnográfico, histórico e outros de flora e da fauna, que demostran a enorme riqueza da vila morracense. Ademais, os dous sendeiros unen os centros azuis de Agrelo e Cabo Udra, polo que supón a culminación dun proxecto completo.
Así mesmo, o Concello aspira a revalidar o galardón que concede cada tempada estival para as praias de Lapamán, Portomaior, Area de Bon, Lagos, e a urbana da Banda do Río. Ao igual ca os anos pasados, tamén se presentaron as candidaturas para a Aula da Natureza de Cabo Udra e para o Centro de Interpretación de Agrelo.