Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu resolve as subvencións culturais do ano 2018

  • Outorgáronse un total de 30.000 euros destinados a escolas de música e a actividades culturais

O Concello de Bueu vén de outorgar as subvencións para actividades culturais desenvoltas no ano 2018 e para o funcionamento das escolas de música no curso 2017/2018, cun orzamento de 30.000 euros. Segundo o informe de valoración técnica, acordouse conceder dúas subvencións a escolas, concretamente á Banda de Música Artística de Bueu, por importe de 2.291,67 euros, e a Retrouso de Cela, por 2.708,33 euros.

En canto ás axudas para actividades culturais, a Asociación San Marcos de Beluso levará 1.777,92 euros; a Coral Marusía, 2.994,86 euros; a Coral Polifónica de Bueu, 1.740 euros; a Coral Polifónica de Beluso, 1.189,04 euros; o Cineclub de Bueu, 960,74 euros; a Comisión de Festas de Cabalo, 2.512,77 euros; a Comisión de Festas de Bueu, 2.875,12 euros; a Banda de Gaitas Manxadoira, 2.870,12 euros; Retrouso de Cela, 3.177,07 euros; e a Banda de Música Artística de Bueu, 3.013,65 euros.

Para o outorgamento das subvencións culturais valoráronse criterios como o impacto e alcance da actividade, o orzamento total de actividades, o fomento da lingua galega, o fomento da igualdade entre mulleres e homes, a duración do programa e as edicións da actividade. No caso das escolas de música tivéronse en conta o número de alumnado matriculado no curso así como o persoal docente, o orzamento da escola e o ámbito de participación do alumnado en eventos.

Outras colaboracións

Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, destaca que “amais destas subvencións económicas, desde o Concello colabórase cos colectivos nos diversos eventos”. Tal é o caso da cesión de espazos municipais por todas as parroquias sen cobro de ningunha taxa, caso do Centro Social do Mar, a Casa da Música, a Casa do Pobo, a Escola do Torrecino de Cela, a Casa da Aldea de Meiro, a Antiga Escola de Sanamedio, a Antiga Escola de Cabalo e a de Curraces. O concelleiro da área apunta que “para organización dun evento normal, contando dous electricistas, tres operarios da brigada de obras e unha persoa de limpeza, ademais do servizo de megafonía, custa arredor de 550 euros”.

O Concello tamén colabora mediante a contratación de grupos musicais para actividades festivas. Así, no 2018, o custe total ascendeu a 7.850 euros, e no 2019 a 8.190 euros.

A esas hai que sumar as subvencións nominativas para eventos como o Festival Son Rías Baixas, por importe de 17.000 euros, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), por 15.000 euros, e a Festa das Alfombras Florais, por 9.000 euros. Ademais, tamén se colabora de xeito directo co Encontro Degustación do Millo Corvo coa asunción de parte dos gastos desta festa de Interese Turístico Galego.

Leal avanza que se está traballando no Plan Normativo de Subvencións de 2020, un documento de planificación no que se recollerán as axudas para esta anualidade.